publicidade hoxe

O BOPPO publica a modificación das novas ordenanzas fiscais do Concello de Bueu

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+

Xa foran aprobadas no pleno do pasado mes de novembro do pasado ano, e agora publicouse no BOPPO a modificación de varias ordenanzas fiscais, concretamente a nº1, reguladora do Imposto sobre Bens Inmobles, a nº3, reguladora do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica, a nº4, do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras, e a nº12, reguladora da Taxa pola Expedición de Documentos Administrativos.  Hai que destacar que, aínda que as ordenanzas están xa en vigor, a do IBI e a do IVTM estarán efectivas a partir do 2018 posto que se trata de impostos anuais, a diferenza dos do ICIO e das taxas administrativas, que si se computarán xa neste ano.

As principais novidades destas modificacións, tal e como xa destacara o concelleiro de facenda no pleno de novembro, supón un cambio para algúns sectores. Tal é o caso das familias numerosas, que terán unha bonificación do 90% para o Imposto de Bens Inmobles (IBI). As cooperativas agrarias e de explotación comunitaria da terra tamén terán dereito a unha bonificación do 95%.

No caso do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica  (IVTM), os vehículos respectuosos co medio ambiente gozarán dunha rebaixa do 75% no imposto. Isto compete aos vehículos que non sexan de combustión interna, vehículos híbridos enchufables PHEV ou vehículos eléctricos de rango estendido, ou que utilicen gas ou bioetanol ou sexan de tecnoloxía híbrida. Ademais, os turismos catalogados como “históricos” polo organismo competente estarán exentos.

Cambios tamén haberá no Imposto sobre Construcións e Instalacións de Obras (ICIO) no que se propón unha bonificación do 95% para as construcións de especial interese municipal, e que estean no “Catálogo de bens culturais, naturais e paisaxísticos”.Por último, e en consonancia coa administración electrónica que se está implantando no Concello de Bueu, derrogarase o cobro da emisión de certos documentos, como certificacións, cotexos e fotocopias.

As novas ordenanzas xa están a disposición dos cidadáns e cidadás na web do Concello de Bueu e na súa sede electrónica.

19 de xaneiro de 2017 | 18:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.