publicidade hoxe

No ano 2016 O Concello de Ames tramitou os expedientes de retirada de 42 vehículos que se atopaban na rúa dende hai varios anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O Concello de Ames no pasado ano 2016 tramitou a baixa como residuo sólido urbano de sete vehículos que xa pasaron ás dependencias de Trameve en Santiago. Tres destes vehículos levaban dende o 2014 pendentes de realizar a tramitación oportuna para poder ser retirados das rúas, mentres que os outros catro foron declarados como residuos nos meses de xuño e novembro, logo dos decretos de retirada e os prazos oportunos. Ao longo do último trimestre tres vehículos máis foron decretados como residuo e neste mes de xaneiro serán retirados. Estes vehículos atópanse no aparcamento de terra do Milladoiro, na rúa Xeixo e na rúa do Francés. Deste xeito, o Concello de Ames ponse ao día en canto á retirada de vehículos abandonados na rúa.

Dende o goberno de Ames informan que son varios os vehículos que foron retirados tamén polos seus propietarios despois dos avisos e decretos ditados pola Alcaldía ao longo do exercicio 2016. Así, no mes de marzo confirmouse a retirada de sete vehículos polos seus propietarios, mentres que no mes de xullo a cifra foi de cinco, en outubro tres e no mes de novembro outros catro, o que fai un total de 19 vehículos que se atopaban abandonados nas rúas de Bertamiráns e do Milladoiro. A distribución de zonas nos que se atopaban estes vehículos era maioritariamente no núcleo do Milladoiro, onde se atopaban 15 dos 19 vehículos que finalmente foron retirados polos seus propietarios. 

Na actualidade existen once vehículos en trámite e que por diversas causas non puideron ser retirados. O máis antigo atópase en completo estado de abandono pero pesa sobre o vehículo un embargo que prohibe a súa retirada, estando á espera do levantamento do embargo por parte do xulgado de Pontevedra. Outro dos vehículos tamén contaba cun embargo pero este xa foi levantado e pasado o tempo legal será retirado. Noutros dous casos os titulares estaban falecidos, o que atrasou o trámite administrativo. Dende o Concello espérase que ao longo do primeiro trimestre deste ano a maioría destes vehículos poidan ser trasladados a Trameve para o seu tratamento como residuo sólido. 

Información dos trámites

O goberno informa que os trámites necesarios para a retirada dos vehículos iníciase coa denuncia correspondente da Policía Local realizándose un primeiro informe no que se detalla a marca, modelo e matrícula do vehículo, xunto co estado no que se atopa e onde está estacionado. A continuación, localízase ao propietario e envíase unha primeira notificación e si esta ven devolta, envíase unha segunda notificación. En caso de ser devolta ou non localizarse ao propietario, e transcorrido o tempo preciso, envíase anuncio ao TEU do Boletín Oficial do Estado (BOE).

O paso seguinte é a sinatura do decreto de retirada, despois de emitir o segundo informe da Policía Local, que actualiza o estado no que se atopa o vehículo. Pasados dous meses dende o decreto de retirada e no suposto en que o vehículo non fora retirado pasa a ser declarado como residuo sólido e envíase aviso a Trameve, para a retirada do mesmo e o seu envío ás instalacións da empresa onde será tratado despois do mes de espera. 

Todos estes pasos necesarios e obrigados poden sufrir atrasos nos casos de falecemento do propietario, onde hai que localizar aos herdeiros, ou no caso de ter embargos por parte do xulgado, tendo que esperar ao seu levantamento antes da retirada. O goberno traslada a toda a cidadanía esta información para que coñeza a dificultade da retirada dos vehículos e saiba os motivos polos que certos vehículos permanecen durante varios meses nas rúas. Finalmente solicitan aos veciños de Ames que avisen no Concello ou na Policía Local sobre aqueles vehículos que observen que levan abandonados nas rúas para poder iniciar canto antes os trámites necesarios.

9 de xaneiro de 2017 | 18:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.