publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Nidia Arévalo considera fundamental a obra de humanización das Pozas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro mosense de Vías e Obras, Luis Alonso, e os demais edís integrantes do equipo de goberno local percorreron esta mañá as obras de humanización e mellora do Camiño das Pozas, na parroquia de Petelos, que comunica a Capela de San Amaro co Multiusos das Pozas e que recibiron tamén na xornada de hoxe a visita do deputado David Regades.

Ditas obras contan cunha subvención do Plan de Obras e Servizos do Plan de Concellos da Deputación de 200.000 euros, axuda que, en palabras da propia rexedora local, “son fondos que lle correspondían a este Concello, que demandou a acometida destes traballos de importancia capital para esta zona, que era fundamental que fose humanizada pois é unha vía principal da parroquia de Petelos e un dos maiores puntos de aglutinamento de servizos do municipio, tanto educativos (Colexio de Petelos e Instituto), como culturais (centro Multiusos) e deportivos (Pavillón Óscar Pereiro e Piscina Municipal)”.

Neste sentido Arévalo declarou que “polo tanto, nesta actuación a Deputación de Pontevedra está facendo o que lle corresponde, nin máis nin menos” e engadiu que “ogallá viñesen tamén a arranxar as estradas provinciais que están intransitables polos baches, e os peóns non poden camiñar polas súas beirarrúas invadidas pola maleza e con baldosas levantadas que as convirten nun perigo”. Lamenta Nidia Arévalo a deixadez da administración provincial respecto das súas estradas que transcorren por Mos, “un claro exemplo é que nos pasados días de baixas temperaturas extremas os camións con sal para o firme non chegaron ata as 12 da mañá”.

Para abordar estes temas e outros de interese municipal sobre os que a Deputación ten competencias ten solicitada fai máis dun ano unha entrevista coa súa presidenta, Carmela Silva, a alcaldesa de Mos; encontro sobre o que Arévalo aínda non obtivo resposta, ao igual que ós seus escritos semanais presentados solicitando reparacións e limpeza en diferentes puntos das estradas provinciais ao seu paso por Mos. Silencio que a rexedora local mosense califica de “auténtico desastre que demostra a deixadez do goberno que está ao frente da institución, xa que nin contesta nin actúa”, sentenciou.

A alcaldesa de Mos insiste en que “aínda que no caso da humanización das Pozas a Deputación está a facer o que lle corresponde, os números do Plan Concellos son os que son e, a pesar de que eles se esforcen en maquillalos, a inversión actual en Mos é moi inferior á realizada pola Deputación presidida por Rafael Louzán”. (En 2015 percibíanse preto dun millón de euros -sen ter en conta os traballos realizados polo Parque de Maquinaria, que agora se atopa prácticamente inactivo, e as obras acometidas nos viais provinciais na actualidade inexistentes, como os 300.000 euros destinados á mellora da estrada Puxeiros-Rebullón-, e agora non se chega ós 800.000 euros. ADXÚNTASE INFORME DO INTERVENTOR MUNICIPAL).

Nidia Arévalo lebrou tamén o proxecto de mellora da estrada provincial Puxeiros-Peinador, que data de 2015 e fóra comprometido pola anterior Deputación, pero sobre o que o actual goberno provincial non se pronuncia a pesar de que, como di a propia rexedora, “este vial si cumple o decálogo, pois é a única das estradas provinciais pola que pasan máis de 3.000 vehículos ó día”. Tampouco se sabe nada da mellora da estrada provincial Puxeiros-Mos, sobre a que se aprobou por unanimidade da Corporación Municipal mosense unha moción levada ao Pleno do Concello. “Esta é a constante da nova Deputación”, lamentou Arévalo.

Detalles da obra das Pozas

Para a mellora e humanización do Camiño das Pozas, que une a Capela de San Amaro co edificio Multiusos, foi necesaria a cesión dos terreos da Comunidade de Montes de Petelos na zona de As Pozas ó Concello de Mos para que a administración local puidera acometer as obras de humanización e ampliación de prazas de aparcadoiro previstas para este lugar. Na adquisición dos terreos da Comunidade de Montes o Concello de Mos investiu 25.000 euros.

Nos terreos adquiridos ós comuneiros estanse a realizar as obras de aparcadoiro nas Pozas e a humanización da estrada que conduce ó centro Multiusos dende a Capela de San Amaro. As obras atópanse prácticamente rematadas.

Este proxecto enmárcase nas iniciativas que o goberno local tiña previsto poñer en marcha na presente lexislatura e que teñen como referencia buscar espazos para o uso das persoas. Estas obras son consideradas por Arévalo, rexedora local mosense, como “traballos de vital importancia  para a seguridade das persoas que transitan por esa zona”.

Nesta zona case non había lugar onde aparcar e era necesario dotar de prazas de aparcamento o contorno dun edificio tan concorrido e que se atopa ubicado nas Pozas, área que concentra moitas outras dependencias públicas como son o Multiusos, o Colexio de Petelos, o IES de Mos, o Pavillón Óscar Pereiro, a Piscina Municipal; así coma os novos parque e pista de skate.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o edil de Vías e Obras e natural ademáis da parroquia de Petelos, Luis Alonso, explicaban hoxe que un dos obxectivos desta obra é a mellora da seguridade vial para os moitos peóns que a diario transitan pola zona; xa que se nese lugar os vehículos se atopan correctamente estacionados os peón terán un espazo delimitado e seguro por onde camiñar. Xa que este lugar reúne a multitude de veciños e veciñas de tódalas idades, pero sobre todo maiores.

A nova beirarrúa na marxe esquerda da estrada, da que se dotou á zona, ten un ancho de 2 metros e as novas zonas de aparcadoiro distribúense en forma de espiña de peixe no tramo final máis próximo ó Multiusos. A humanización dos espazos permite o soterramento das redes aéreas do servizo (baixa tensión, telecomunicacións e alumeado público) que interrumpían o trazado dos novos espazos públicos. Ademais plantaranse algunhas árbores nas zonas onde se dispón de espazo suficiente. Outra das actuacións secundarias consiste na dotación de sinalización vertical e horizontal para a mellora da seguridade viaria. Proxéctase tamén a execución de 3 novos vados de acceso ás parcelas unifamiliares no tramo inicial.

“Os servizos para a cidadanía son e serán para nós a prioridade nesta zona e en toda a localidade”, declararon xa para concluír os representantes municipais.

26 de xaneiro de 2017 | 18:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.