publicidade hoxe

Nava Castro destaca en Covelo o investimento de 30.000 euros que mellorará a accesibilidade da praia da Maceira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCovelo
A-
A+
Nava Castro na visita á praia fluvial de Maceira

Nava Castro na visita á praia fluvial de Maceira

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o alcalde de Covelo, Juan Pablo Castillo, visitaron hoxe o concello para comprobar o resultado da mellora da accesibilidade na praia fluvial de Maceira enmarcada na liña de subvencións de máis de 1,33 millóns de euros que destinou en 2016 Turismo de Galicia para o fomento da accesibilidade e sinalización turística nos recursos turísticos no medio rural.

Durante a visita, Nava Castro destacou a importancia da praia fluvial de Maceira como reclamo turístico. “Esta praia, que nos permite gozar do río Tea, constitúe un dos principais recursos turísticos do municipio de Covelo”, afirmou.

A directora de Turismo de Galicia explicou que o obxectivo desta liña de subvencións, a través da cal o Concello de Covelo recibiu unha achega de máis de 30.000 euros, é dotar ao medio rural de Galicia das infraestruturas e sinalización adecuadas para convertelo nun recurso turístico accesible.

Neste senso, afirmou que entre os principais obxectivos do seu departamento está o desenvolvemento do territorio de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade. “Traballamos pola potenciación do turismo e dos seus recursos como un factor de crecemento económico e un instrumento de reequilibrio territorial”, engadiu.

A directora de Turismo de Galicia explicou que mediante esta liña de subvencións axudouse a un total de 82 concellos a mellorar a accesibilidade física e á sinalización dos seus recursos turísticos coma os espazos naturais, os miradoiros e as rutas de sendeirismo, as praias marítimas e fluviais ou os bens culturais.

Deste xeito, segundo sinalou, grazas a estas axudas os concellos do medio rural puideron levar a cabo obras de construción, ampliación ou mellora de aparcamentos para o acceso aos recursos turísticos, a pavimentación dos accesos ao recurso, así como a construción de pasarelas e ramplas coa conseguinte eliminación de barreiras arquitectónicas. Ademais, esta liña posibilitou a construción, rehabilitación e mellora das instalacións que contribúen a optimizar os accesos e a circulación dos visitantes. Así mesmo, con este investimento do departamento de Turismo da Xunta de Galicia, os concellos do rural tamén se beneficiaron da mellora da accesibilidade dos espazos naturais e a dotación de equipamentos nestes, ademais da sinalización, información visual e información táctil.

Con todo, Nava Castro manifestou que con estas iniciativas estase a potenciar o medio rural da nosa comunidade e a consolidar Galicia como un destino turístico accesible para todos.

26 de xaneiro de 2017 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.