publicidade hoxe

Narón rematará este venres o programa de actos con motivo do Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarón
A-
A+

O Concello de Narón pechará na xornada do vindeiro venres, día 27, os actos programados conxuntamente coa Asociación Memoria Histórica Democrática con motivo do Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto. A convocatoria fixouse para as 10.00 horas no salón de plenos do Concello, e na mesma participarán o alcalde, José Manuel Blanco, portavoces dos grupos municipais, persoal da Asociación Memoria Histórica Democrática, medio cento de alumnas e alumnos de terceiro e cuarto curso de ESO do CPI do Feal e profesorado do citado colexio naronés.

Coincidindo co aniversario da liberación do campo de concentración de Auschwitz, que tivo lugar o 27 de xaneiro do ano 1945, prográmase esta convocatoria, en recordo das vítimas asasinadas a mans de soldados nazis ou nas cámaras de gas dos campos de exterminio do territorio alemán da época. O acto programado no Concello consistirá no acendido de seis velas en recordo das vítimas: millóns de xudeus europeos, nenos e nenas, outras persoas consideradas de etnias “inferiores” (xitanos, eslavos, discapacitados, homosexuais…) e republicanos españois asasinados en Mauthausen, e tamén para lembrar a aqueles que lograron salvarse ou axudaron a salvar vidas.

25 de xaneiro de 2017 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.