publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Narón abre o prazo de inscrición en cinco obradoiros de Manexo de móbil e dous de Corresponsabilidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarón
A-
A+

A Concellería de Promoción Social impulsa un programa específico de atención a persoas maiores, en colaboración coas asociacións de maiores das parroquias da localidade, co fin de facilitar a súa socialización activa, a prevención da dependencia e a súa autonomía persoal. Así o anunciou a concelleira da área, Teresa Sabio, que explicou que se convocarán un total de sete obradoiros, cinco deles sobre o Manexo do móbil e os outros dous de Corresponsabilidade, ambos dirixidos a un total de 124 persoas maiores de Narón. Os interesados en inscribirse deberán presentar un formulario de solicitude –que poden recoller no Rexistro Xeral ou descargar da páxina web: www.naron.es- no propio Rexistro municipal de 8.30 a 13.30 horas, ata esgotar as prazas existentes, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. Estas propostas forman parte do programa de Envellecemento Activo impulsado desde a Concellería de Promoción Social do Concello de Narón.

O obradoiro de Manexo de móbil destínase a un total de cen persoas, e desenvolverase os luns, martes e xoves de 18.00 a 19.30 no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros; os luns, xoves e venres de 10.00 a 11.30 en Piñeiros; os martes e xoves de 18.00 a 19.30 no Val; os luns, xoves e venres, de 10.00 a 11.30 na Solaina e tamén os luns, xoves e venres, de 10.00 a 11.30 en Pedroso. As persoas que participen terán a oportunidade de coñecer máis polo miúdo como funcionan os seus teléfonos móbiles, as iconas da pantalla do móbil, como facer fotos e vídeos, conectarse e acceder a internet, configurar unha conta de correo, e moitas outras accións.

O segundo dos obradoiros convocados é de Corresponsabilidade, que oferta un total de vinte e catro prazas e que terá lugar no Centro Comunitario das Vivendas da Mariña, os luns, martes e xoves, en dous horarios, de 17.00 a 19.00 e desde as 19.00 ata as 21.00. Unha das convocatorias será específica para as mulleres, que aprenderán tarefas de albanelería, fontanería e electricidade básica, entre outras, como seguridade no fogar, bricolaxe e mantemento do vehículo. O outro obradoiro de Corresponsabilidade diríxese aos homes, que aprenderán unha serie de coñecementos básicos de lavado, secado, tendido, pasar o ferro, organización de roupa, limpeza de diferentes prendas e superficies, arranxo básico de prendas, coidado de persoas maiores, etc.

A edil de Promoción Social anima aos maiores da localidade a anotarse nestes obradoiros, “cos que terán a oportunidade de aprender dun xeito sinxelo cuestións básicas relacionadas coa vida cotiá, polo que están pensados tanto para homes como para mulleres, apostando así por fomentar a igualdade entre xéneros dun xeito transversal no caso dos obradoiros de Corresponsabilidade”. A previsión é iniciar os obradoiros o vindeiro mes de febreiro, indicou Sabio.

19 de xaneiro de 2017 | 13:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.