publicidade hoxe

“Mulleres en acción: violencia zero” chega a Cambados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambadosPontevedra
A-
A+

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, acompañadas pola alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, asisten este xoves 26 de xaneiro, ás 12:00 horas, na praza do Concello cambadesa, á intervención poética Un alpendre cheo de significados sospeitosos, da escritora Yolanda Castaño, un dos rostros máis coñecidos da poesía galega, na que se pretende transcender as palabras para levalas á voz e á acción.

Neste evento, enmarcado na segunda edición do proxecto da institución provincial “Mulleres en acción: violencia zero”, participarán varias ducias de alumnas e alumnos de centros escolares da vila. Tal como sinala a autora, “A poesía pode mudar as conciencias, as palabras poñen nome ao escondido, pronuncian o que doutro xeito non se podería dicir. A través desa vía é que a poesía pode cambiar o mundo. Porque non existe o que non se nomea, e a poesía vai moito máis lonxe no delicado proceso de nomear. Desvelar a agachada violencia, visibilizar os sutís procesos que desaugan nun áspero final, alertar ante as fórmulas, recoñecer o contrasinal da agresión. O poder da palabra protéxenos con ferramentas transparentes. Autocoñecemento, sentido crítico, á vez beleza e reflexión”.

“Mulleres en acción: violencia zero” é un proxecto de acción artística contemporánea no espazo público que organiza a Deputación de Pontevedra para reivindicar a igualdade de xénero e poñer o foco no estado actual da problemática da violencia machista no noso país. Este ano o proxecto quixo ir máis aló da primeira edición, organizando accións en 25 concellos da provincia de Pontevedra entre os meses de novembro de 2016 e novembro de 2017, para darlle máis visibilidade á lacra da violencia machista. As accións, a razón de dúas por mes, estanse a desenvolver nos concellos de Pontevedra, Vigo, Marín, Tomiño, Nigrán, Vila de Cruces, Ponteareas, Cambados, O Porriño, Cuntis, Bueu, Salvaterra de Miño, O Grove, A Guarda, Soutomaior, Poio, Baiona, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Cangas, A Estrada, Silleda, Salceda de Caselas, Meaño e Tui.

25 de xaneiro de 2017 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.