publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Mos xa ten gañadores do concurso de postais de Nadal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+
Entrega de premios aos gañadores do concurso

Entrega de premios aos gañadores do concurso

Un total de 78 nenos e nenas mosenses de entre 3 e 12 anos participaron na presente edición do concurso de postais de Nadal, que xa conta cos gañadores de cada unha das tres categorías. O fallo do xurado, que se fixo público durante un acto de animación á lectura que contou cun espectáculo de contacontos, realizouse o pasado venres pola tarde na Biblioteca Municipal de Mos. O xurado, integrado por Sara Cebreiro, edil de Cultura e Política Social, Patricia Pérez Ucha, concelleira do PSOE de Mos, Aurora Giráldez Leirós, concelleira de GañaMos e a traballadora do departamento de Cultura e responsable da Biblioteca Municipal, Diana Lago, elixiu como vencedor da categoría 1 -de 3 a 5 anos- a Noé Álvarez Cebreiro de 3 anos de idade, na categoría 2 -de 6 a 8 anos- a Yago Lago Leirós de 6 anos de idade; e na categoría 3 -de 9 a 12 anos-, a Fátima Zahra Moukhlissi Eladi de 11 anos de idade. Os gañadores recibiron como premio un lote de libros e un diploma. Na primeira categoría participaron un total de 15 cativos, na segunda 32 e na terceira 31 rapaces.

Coa chegada do Nadal chega cada ano a Mos o concurso infantil de postais de Nadal para cativos de 3 a 12 anos de idade. O xurado deste concurso valora a calidade e orixinalidade das postais presentadas, así como os seus valores positivos; descartando aquelas nas que se perciba a intervención directa dun adulto.

A edil de Cultura do Concello de Mos, Sara Cebreiro, declarou sobre o concurso que “dende a Biblioteca Municipal queremos aproveitar esta época tan marabillosa do ano para potenciar a creatividade dos nosos escolares e sobre todo fomentar a lectura e a escritura nos nosos cativos mediante o tradicional Concurso de Postais de Nadal Concello de Mos”, explicou a concelleira Cebreiro. 

As características que debían cumprir as postais dos nenos participantes para poder entrar en concurso eran as seguintes: podían ser en galego ou en castelán, podíaselle engadir ademais de debuxo todo tipo de ilustracións, fotos, etc.; podíanse empregar os materiais que se desexasen: ceras, lapis, bolígrafos, rotuladores, telas, recortes, etc.; o tamaño non debía exceder dun folio tamaño A4 por un só lado, e a medida mínima era de medio folio A4 por un só lado; en relación ao tema, os pequenos podían engadir tamén unha frase na postal, que podía ser un desexo que non fora de carácter material ou expresando que lles gustaría que cambiase no seu contorno cotián, dos amigos/as, familiares, na escola, dos pais, etc.; e, por último, a postal debía ser obra do/a propio/a neno/a, incluíndo ao final, como mínimo, o seu nome, idade, enderezo e teléfono de contacto. Só se aceptou unha postal por persoa.

2 de xaneiro de 2017 | 18:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.