publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Moaña recibirá un millón de euros co Plan Concellos da Deputación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMoañaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra achegaralle este ano un 5 % máis de recursos ao Concello de Moaña no marco do Plan Concellos. Deste xeito, a vila da comarca do Morrazo recibirá un total de 965.408,21 €. Son 47.133,54 euros máis, o que representa un incremento do 5,13 % en comparación cos recursos achegados en 2016, ano no que xa tivo un 26,5 % de incremento respecto a 2015 (o que se traduciu en 192.300,65 € máis). Á marxe do Plan Concellos, Moaña recibirá outras axudas e subvencións, enmarcadas nas diferentes áreas de actividade da Deputación de Pontevedra, ás que o Concello poderá concorrer.

Investimentos totais durante 2016

Durante o ano 2016 a Deputación de Pontevedra destinou a Moaña un total de 1.377.624,70 euros, dos cales 918.274,67 € se corresponderon co Plan Concellos 2016. Ademais, a institución provincial investiu 94.000 € en mobilidade, 113.000 € en cohesión social e xuventude, 55.000 € en cultura e lingua, 65.000 € para o fomento do emprego, 53.000 € para o impulso do deporte, 9.000 € en medio ambiente e outros 6.000 € para a igualdade entre mulleres e homes.

En concreto, a través da liña 1 do Plan Concellos investíronse 545.658,63 € para o acondicionamento de edificios públicos, a adquisición dun camión guindastre, a realización de melloras do saneamento dos camiños da Miranda e a parroquia de Tirán, a construción do muro da ampliación da vía da costa na parroquia de Domaio, obras de limitación de velocidade en diferentes vías municipais e a mellora da accesibilidade e seguridade do parque do Vaticano.

Ademais, 131.807,52 € destináronse ao pagamento de gastos correntes na liña 2; outros 34.435,30 €, na liña 3, destináronse ao Entroido 2016, aos XXIX Circuítos Teatrais e ao XXXII Festival Intercéltico do Morrazo; e, grazas á liña 4, creáronse 24 postos de traballo nos servizos municipais, cun investimento de 206.373,22 euros.

Á marxe do Plan Concellos 2016, Moaña recibiu 54.611,03 € para o fomento da cultura e a lingua na vila, con 90 actuacións do Pontegal e do Ano Castelao, así como as axudas á rehabilitación do patrimonio histórico-cultural e as achegas á dinamización lingüística da lingua galega. Tamén se destinaron 112.804,81 € para cohesión social e xuventude, ben a través dos servizos sociais comunitarios e especializados, as axudas básicas de emerxencia e o servizo de teleasistencia domiciliaria (con cinco usuarios e usuarias) ou ben mediante os programas “En ruta coa Depo”, “Depotermal”, “Tecendo lazos” e “Depo Aventura A Lanzada”, no que participaron 21 nenas e nenos do concello.

Do mesmo xeito, Moaña recibiu 53.239 € para o deporte federado de base, a Copa de Fútbol Deputación de Pontevedra, as axudas para as competicións en ligas nacionais, diversas actividades deportivas e as catro DEPOrte Escolas de balonmán, así como 65.360,16 € para o fomento do emprego a través dos plans de práctica laboral, que permiten que catro persoas estean desenvolver a súa primeira experiencia laboral no Concello de Moaña e outras tres, no tecido empresarial do concello. Tamén se achegaron 6.388,05 € en igualdade, a través do programa “Conectadas 2016″ e as axudas aos concellos de menos de 20.000 habitantes para o fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e a prevención da violencia machista; 8.974,76 € en medio ambiente, mediante as axudas ás confrarías de pescadoras e pescadores; e outros 93.716,32 € en materia de mobilidade, en concreto para o Plan Móvese e as obras de sinalización horizontal nas vías provinciais.

3 de xaneiro de 2017 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.