publicidade hoxe

Medra o vacún de leite ecolóxico con 79 granxas certificadas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMonforte de Lemos
A-
A+
Belén do Campo na inauguración das xornadas

Belén do Campo na inauguración das xornadas

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, inaugurou esta mañá en Monforte de Lemos a xornada de comercialización de produtos ecolóxicos, organizada polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega). Alí destacou o peso que está cobrando este sistema de produción entre o sector lácteo galego, que a día de hoxe conta con 79 granxas ecolóxicas certificadas, das cales 37 xa venden o leite e as outras 42 están en proceso de conversión.

Belén do Campo explicou que as mellores estratexias para que os produtores se afiancen no mercado son adherirse a unha denominación de orixe ou apostar pola agricultura ecolóxica, tal e como están a facer as explotacións de leite que ven como o prezo pagado por litro ronda os 0,50 euros. Por iso, engadiu, a Xunta incrementou de xeito notable as medidas de apoio a este sector nos últimos dez anos porque se alza como un medio de vida digno e saudable que debe ser protexido e impulsado ao máximo.

Neste senso, Belén do Campo lembrou que a Consellería do Medio Rural vai iniciar a redacción do Plan Estratéxico da Agricultura Ecolóxica que ten como obxectivo poñer en valor este eido e avaliar as accións a desenvolver que axuden a potenciar este tipo de producións. Trátase dun proxecto solicitado polo propio sector que conta co respaldo da Xunta e co compromiso de levalo a cabo ao longo deste ano 2017.

Este apoio, sinalou a directora xeral, ven reforzado polas cifras do sector agroecolóxico, o cal obtivo un importante crecemento no ano 2015, de forma que alcanzou un total de 20.300 hectáreas e unha facturación de máis de 33 millóns de euros. Belén do Campo insistiu en que a produción ecolóxica axuda a desenvolver a potencialidade do campo galego, dotándoo de futuro a través do respecto ao medio ambiente, ao benestar animal e no mantemento e mellora da fertilidade do solo.

A directora xeral felicitou ao Craega pola celebración deste tipo de xornadas, xa que son imprescindibles para dar un impulso á comercialización deste tipo de produtos, expoñendo diferentes puntos de vista sobre o mercado da produción ecolóxica e centrándose en aspectos relacionados coa xestión comercial e o marketing. Na xornada tamén estivo presente a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez Moreda.

Craega

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia certifica calquera produto de consumo humano e animal, excepto a caza e a pesca extractiva. A certificación abarca a toda a cadea do produto, dende a produción, pasando pola elaboración, envasado e comercialización do produto. Para iso, empréganse prácticas agrícolas que fomentan o equilibrio do ecosistema, evitando ou excluíndo a case totalidade de produtos químicos de síntese e recorrendo a outras técnicas como a rotación e asociación de cultivos, o emprego de abonos verdes ou o aumento da biodiversidade.

Segundo os últimos datos dispoñibles, baixo este selo de calidade están inscritos un total de 558 produtores e 163 elaboradores, importadores e comercializadores. Con máis de 33 millóns de euros facturados, o 90% da produción ecolóxica certificada procede dos sectores do leite, carne, castañas e sidra.

27 de xaneiro de 2017 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.