publicidade hoxe

Medio milleiro de veciños implicáronse na organización da Cabalgata de Riveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

Todo está preparado para recibir aos Reis Magos de Oriente o próximo venres 5 de xaneiro na cidade riveirense. As súas maxestades chegarán por mar ás 17.30 horas ao recheo do Malecón, onde serán recibidos cunha estrendosa benvida pirotécnica. Se o tempo o permite farán a súa arribada a bordo da Dorna Nai da Confraría da Dorna e, se non fose posible, nunha lancha da Confraría de Pescadores de Riveira.

En total serán dez as carrozas participantes, todas adornadas con motivos mariñeiros posto que a temática deste ano é “A chegada dos Reis polo mar” (carrozas de áncoras, polbo, bogavante, ostras, estrelas de mar, barco, Estrela de Belén e tres Reais de Golfiño, Cabaliños de Mar e Peixe). Ademais, cómpre subliñar que de forma excepcional con motivo do seu 20º aniversario da entidade unha undécima carroza do Club Natural Sport en forma de barco dará a benvida este ano á Cabalgata.

O percorrido descorrerá polo Malecón, rotonda de Amas de Casa, rúa Galicia, praza de Compostela, rúa Romero Ortiz, Malecón, Rosalía de Castro, Alcalde Fernández Bermúdez, rotonda da Serea, Rosalía de Castro e praza do Concello.

No transcurso do desfile repartiranse 1.200 quilos de caramelos aptos para celíacos que se farán en varias cargas durante o percorrido. 

As carrozas estarán acompañadas de catro agrupacións musicais para animar o desfile (Charanga O Santiaguiño de Padrón, Charanga BB+, Banda de Música de Barro e Banda de Música Santísimo Cristo de la Buena Muerte de Ferrol). Entre agrupacións, asociacións, monitorado e voluntarios, serán preto de medio milleiro as persoas que participarán na Cabalgata de Riveira, ademais de ambulancia, policía local e protección Civil e GAEM. 

Durante o saúdo aos nenos e nenas dende o Concello, os Reis sortearán os tres super agasallos entre todos os nenos e nenas que visitaron e entregaron a súa carta ao Carteiro Real nas distintas actividades de Nadal, agasallos que serán entregados persoalmente polos Reis aos tres cativos gañadores de atoparse entre o público da praza. A continuación terá lugar a recepción de todos os nenos e nenas nos soportais do Concello a ritmo de panxoliñas e música infantil. 

Este ano haberá unha sorpresa no Balcón do Concello, xa que ademais dos Reis Magos, un personaxe fantástico e máxico contará a todos os presentes a historia dos Reis Magos e fará unha adiviña, aquel neno e nena que a adiviñen tamén terán un agasallo sorpresa.

3 de xaneiro de 2017 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.