publicidade hoxe

Medio Ambiente acondicionou un espazo de 1.500 m2 na contorna da estación de Santa Cruz de Ribadulla

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVedra
A-
A+
Beatriz Mato na visita a Santa Cruz de Ribadulla

Beatriz Mato na visita a Santa Cruz de Ribadulla

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio rematou as obras de recuperación de 1.500 metros cadrados de espazos para uso público na contorna da Estación do Ferrocarril de Santa Cruz de Ribadulla, no concello coruñés de Vedra. Así o puxo de manifesto a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, que esta mañá supervisou –xunto co alcalde, Carlos Martínez- os traballos realizados, nos que se investiron 63.000 euros.

Trátase dunha actuación –executada no marco dun convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello- que se incluíu no Plan hUrbe e que da resposta a un dos obxectivos recollidos no plan: humanizar as vilas galegas.

Durante a súa vista a Vedra, a titular de Medio Ambiente explicou ao xefe do Goberno local que a cooperación entre administracións para a recuperación de espazos públicos é unha aposta segura para acadar un urbanismo responsable e sustentable.

Mato trasladou ao rexedor vedrense o compromiso do departamento autonómico pola rexeneración urbanística dun dos máis senlleiros espazos públicos deste Concello, que vai mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas.

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio mailo alcalde da localidade repasaron as obras de acondicionamento executadas, que consistiron na creación de 650 metros cadrados de beirarrúas, pavimentadas con lastras de granito de Mondariz; a instalación de 140 metros de varanda co obxectivo de garantir a seguridade dentro do recinto; o soterramento da liña telefónica e a recuperación dos 900 metros cadrados da zona de plataformas.

Plan hUrbe

Esta actuación inscríbese no Plan hUrbe, posto en marcha en 2010 polo Goberno galego e que ten un triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia. Para conseguilo, o Plan hUrbe inclúe tres programas de actuación: humanización das rúas, urbanización e mellora de espazos públicos; e equipamentos públicos, referidos especialmente aos de carácter cultural e social.

Dende a súa posta en marcha, ao abeiro do Plan hUrbe, téñense executado 157 actuacións, cun investimento total de 123 millóns de euros. Nesta mesma liña, ao longo de 2017 investiranse arredor de 10 millóns de euros no marco deste plan no conxunto de Galicia.

20 de xaneiro de 2017 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.