publicidade hoxe

Máis de 100 bailaríns participarán esta fin de semana no “I Trofeo de Hip Hop Cidade de Tui”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTui
A-
A+

A cultura urbana chega a Tui nesta fin de semana por partida dobre. O pavillón municipal acollerá este domingo 29, a partires das 15:00 horas, o “I Trofeo de Hip Hop Cidade de Tui”.  Máis dun centenar de bailaríns participarán en diferentes coreografías e actuacións en grupo con integrantes dende os 4 anos en diante.

A competición constará dunha categoría de grupos de entre 4 e 20 participantes divididos en baby, infantil, junior, absoluta e premium.  Tamén existirán categorías individuais e dúos.  Un xurado de 3 expertos en danza urbana encargaranse de valorar de xeito obxectivo aos participantes. Os tres primeiros clasificados de cada categoría recibirán un trofeo e unha medalla- A entrada ao espectáculo será de 6€ e de balde para os menores de 5 anos.

Amais, dende as 11:00 horas da mañá do domingo celebrarase de xeito paralelo un concurso de graffiti nunha das fachadas do novo pavillón municipal. Nesta ocasión, o tema escollido para a intervención artística será de temática deportiva, preferentemente deportes practicados no pavillón.

Unha vez realizadas as diferentes obras, un xurado entregará un 1º premio de 300€, un 2º de 200€ e un 3º de 150€. Os interesados poden participar tanto en grupos como individualmente sen límites de idade, aínda que os menores de 18 anos deberán contar con autorización do pai, nai ou titor legal. A data límite para inscribirse é este mércores, 25 de xaneiro de 2017, debendo ser entregado un bosquexo do traballo a realizar.

As bases de ámbalas dúas competicións poden atoparse en hiphopgalicia.com, tui.gal ou na casa do concello de Tui.

Trátase dunha iniciativa da concellería de Deportes organizada pola Escola de Baile Pasos en colaboración coa Federación Española de Baile Deportivo, o Comité Olímpico Español, o Consello Superior de Deportes e o Concello de Tui.

23 de xaneiro de 2017 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.