publicidade hoxe

La Lola de Bertamiráns e Arola do Milladoiro gañan o Premio Especial do Público no XI Concurso de Escaparates de Nadal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+
Escaparate de Arola Moda

Escaparate de Arola Moda

A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, vén de dar a coñecer os gañadores dos premios que quedaban por repartir da décimo primeira edición do Concurso de Escaparates de Nadal. Os establecementos galardoados co Premio Especial do Público son La Lola, en Bertamiráns, con 152 votos, e Arola, no Milladoiro, con 299 votos. A través dun sorteo, levado a cabo entre os clientes que votaron no concurso de escaparates, determinouse que Marta Pérez Vázquez, Alejandra Iglesias Francisco e Marcos Mesías Lista son os premiados/as cun talón de 300 euros cada un. Ademais, extraéronse tres cartóns para designar ás persoas gañadoras dun talón por importe de 500 euros cada unha entre todas aquelas persoas que participaron no Xogo de Pistas. Neste caso os gañadores/as foron: José Ramón Brea Carrillo, Montse Quintela Carracedo e Fernando Ares Iglesias.

As persoas membros do xurado que efectuaron o reconto dos votos e extraeron os boletos das urnas foron Pablo Suárez, da Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, Salomé Blanco, da Asociación de Empresarios do Polígono Novo Milladoiro, e José Manuel Fernández, da Asociación Viorneira Palmira Bulevar, tamén do Milladoiro. A Asociación de Empresarios do Milladoiro (AEMI) informou á Concellaría que nesta ocasión non podía asistir ningún dos seus membros polo que confiaba nas restantes asociacións presentes para dar fe de todo o proceso. A  técnica de Turismo, Sonia Moure, e o técnico AEDL, Jorge Couñago, asistiron en calidade de secretaria e secretario do xurado.

Do reconto efectuado dos boletos acadáronse os seguintes resultados. En total, emitíronse 1.544 votos (768 en Bertamiráns e 776 no Milladoiro) dos cales 36 foron nulos (32 no Milladoiro e 4 en Bertamiráns). Tralo reconto dos boletos, os establecementos que recibiron o maior número de votos e polo tanto foron os gañadores do Premio Especial do Público foron La Lola, en Bertamiráns, con 152 votos, seguida de Adriá Florería e Verónica Asorey con 147 votos cada un, e Arola no Milladoiro, con 299 votos. Neste caso, no segundo lugar quedou Puntadas de Marzo con 131 votos. Estes dous comercios serán premiados con 200 euros cada un.

Por outra banda, realizouse o sorteo de tres cheques por valor de 300 euros cada un entre todas aquelas persoas que emitiron, polo menos, un voto para elixir o Premio Especial do Público. Así, os premiados/as foron Marta Pérez Vázquez, de Santiago de Compostela, Alejandra Iglesias Francisco, de Dodro, e Marcos Mesías Lista, do Milladoiro. Ademais, retiráronse seis papeletas máis, cos datos de aquelas persoas suplentes dos gañadores/as, e que obterían o premio no seu lugar en caso de non poder contactar con algún dos tres.

Xogo de pistas

Ademais, este ano como novidade, os establecementos participantes no XI Concurso de Escaparates do Concello de Ames Nadal 2016, participaron nun Xogo de Pistas que consistiu en que a clientela tiña que atopar unhas fichas agochadas nos establecementos comerciais ata completar uns cartóns premiados con talóns por importe de 500 euros. En total completáronse 74 cartóns (22 en Bertamiráns e 43 no Milladoiro), dos cales 9 foron nulos.

Os representantes das asociacións de comerciantes e empresarios tamén foron os encargados de extraer os cartóns para designar ás persoas gañadoras destes tres talóns por importe de 500 euros cada un entre todas aquelas persoas que participaron no Xogo de Pistas. Neste caso as persoas agraciadas foron: José Ramón Brea Carrillo, de Ames, Montse Quintela Carracedo, do Milladoiro, e Fernando Ares Iglesias, de Santiago de Compostela. Neste caso tamén se retiraron seis papeletas máis, cos datos de aquelas persoas suplentes dos gañadores/as, e que recibirían o premio no seu lugar en caso de non poder contactar con algún dos tres.

Cómpre lembrar que o pasado 19 de decembro fixéronse públicos os establecementos galardoados pola súa destacada decoración, de acordo coas votacións efectuadas polo xurado designado polas catros asociación de comerciantes e empresarios existente no concello. Este ano participaron un total de 37 comercios (20 en Bertamiráns e 17 no Milladoiro). Lembramos que o primeiro premio recaeu na floraría Rosi Redondo, que obtivo 56 votos. O segundo premio foi para Puntadas de Marzo con 55 votos, mentres que o terceiro premio levouno Arola Moda e Complementos con 51 votos.

 

18 de xaneiro de 2017 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.