publicidade hoxe

Intenso fin de semana dos atletas da Sociedade Ximnástica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaPontevedra
A-
A+

O pasado sábado, 21 de xaneiro, os atletas da Sociedade Ximnástica comezaban un intenso fin de semana cheo de competicións con epicentro no Campionato Galego de 60 metros lisos e 60 metros valos. Neste mesmo David Ferrer e Alexandre Solla foron os máis laureados, logrando o pase á final A en senllos 60 metros lisos e valos, respectivamente. Con 7.16, David asinaba un quinto posto mellorando nunha centésima o seu rexistro nas semifinais. Francisco Rodríguez, con 7.29, logrou un cuarto posto na final B que supón a décima posición na clasificación global. Nos valos, Álex Solla asinaba un gran rexistro de 8.72 nunha carreira de moito nivel, quedándose a tan só dúas centésimas de postos de pódium.

As nosas mozas non tiveron a mesma sorte, con senllos abandonos nos valos de Lucía Seijas e Lucía Ferrer. De todos os xeitos, nos lisos, Lucía Ferrer logrou o pase á final B rexistrando unha moi boa marca de 8.15 que lle deu a segunda posición na mesma e oitava na clasificación xeral.

Á súa vez, Lugo acolleu tamén un control de marcas, onde os nosos atletas demostraron o seu bo estado de forma. Na pértega, Santiago Ferrer e Pablo Tojal melloraban as súas marcas con grandes rexistros de 4.80 e 3.90 metros, respectivamente. Desta forma, Pablo Tojal lograba o billete para o Campionato de España Xuvenil.

En triplo salto, Marta González, Lucía Seijas e Eva Salvado realizaron boas actuacións, con 10.34, 10.31 e 10.11 metros.

O mesmo día na Coruña tivo lugar o Cros dos Menhires da FGA, participando catro atletas da ximnástica e tres deles obtendo postos de pódium: Iván Docampo en terceira posición absoluta, Abdessamad Mibda segundo promesa e Xabier Rodríguez en segundo lugar júnior; ademais de Martín Taín en décima posición absoluta.

Ao día seguinte en Vigo disputouse a segunda xornada do II Circuíto Concello de Vigo en pista, con case 100 participacións dos nosos atletas. Nos 60 metros lisos, Adrián Salgado paraba o crono en 7.38 segundos, seguido de Marco Martínez con 7.79 e Antón Paz con 7.87. Marta Barragáns facíao en 8.56, mentres que María Jiménez, Cristina Garrido e Marta Burés asinaban rexistros de 8.52, 8.63 e 8.66 segundos.

Nos 300 metros lisos, Raúl Cortizo e Antón Paz conseguían 39.45 e 39.81 segundos, seguidos de Pablo Boleas con 40.96. Na mesma proba, Daniela Doporto entraba en meta en segunda posición con 46.96, mentres que Clara Filgueira rexistrou 50.68.

Unha das mellores marcas logradas polos nosos atletas foi a de David Abalde nos 400 metros lisos, con 49.97 segundos, seguido de Carlos Porto con 51.68. Na clasificación feminina, Lucía Cardesín chegaba en cuarta posición con 1:02.91 na final A, mentres que Eva Salvado lograba a primeira posición na final B con 1:02.42.

Nos 1000 metros, Hugo García asinaba un rexistro de 2:56.14, así como Nicolás Fuentes, que paraba o crono en 2:59.08. Adrián Lago, nos 1500 metros, realizou unha gran actuación, chegando a meta en primeiro lugar con 4:01.94 minutos, seguido de Fernando Rial con 4:10.61. Lucía Cardesín, na mesma distancia, paraba o crono apenas un minuto despois, en 5:09.77, onde participaron tamén Kaoutar Fahmi con 5:37.60 ou Adela Ardao con 5:43.42.

No sector de saltos, Marco Martínez colocaba o listón a 1.78 metros na altura, mentres que Clara Rivas facíao en 1.46. Na pértega houbo predominio de participación ximnástica, con Pablo Tojal, Yago Boleas, Hugo Silvares e Marcos Villaverde, que voaron até os 3.60, 2.70, 2.50 e 2.40 metros, respectivamente. Na sección feminina, Marta Burés e Ana Magdalena franquearon o listón situado a 2.40 metros, mentres que María Touriño e Marta Ortega facíano a 2.30 e 2.20 metros. No salto de lonxitude, Pablo Brieva e Marco Martínez saltaban até os 6.11 e 6.08 metros, respectivamente. En triplo salto, Paula Argibay chegou até os 10.17 metros, seguida por Marta Barragáns con 9.56.

Nos lanzamentos, Víctor Gallegos no seu terceiro lanzamento chegou até os 15.21 metros, mentres que no disco feminino Claudia Puig lanzaba o artefacto até os 30.92 metros, seguida de María Jiménez, con 28.48.

Asímismo, en Viana do Castelo, en Portugal, Akka Essadaoui realizou unha gran actuación no Medio Maraton Manuela Machado, chegando a meta en oitava posición e sendo o segundo atleta galego, por detrás de Hassan Lekhilli, cunha moi boa marca de 1h, 8’ e 41’’.

23 de xaneiro de 2017 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.