publicidade hoxe

Increméntase o persoal dos servizos sociais comunitarios na demarcación de Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMondoñedo
A-
A+
Rey Varela na visita ao Concello de Mondoñedo

Rey Varela na visita ao Concello de Mondoñedo

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, realizou esta mañá unha visita institucional ao Concello de Mondoñedo, onde foi recibido pola alcaldesa dese municipio lucense, Elena Candia López, con quen mantivo unha xuntanza de traballo co obxectivo de analizar a situación dos programas e servizos de ámbito social e de titularidade autonómica que se desenvolven nesta localidade. Así mesmo, o encontro serviu para afondar nas vías de colaboración que a Consellería mantén co devandito ente local, así como para expoñer novas actuacións e propostas en materia de política social por parte da Xunta de Galicia e que incidirán non soamente en Mondoñedo senón no conxunto da provincia lucense.

Neste sentido, Rey Varela explicou que o obxectivo que se ten fixado o Goberno galego para 2017 é consolidar o impulso ás políticas sociais e a nova etapa que se iniciou o ano pasado cun crecemento orzamentario dos recursos destinados a este fin que alcanzou o 12,6%. Ao fío disto, destacou que os orzamentos deste novo exercicio que vén de comezar continúan por esta liña ao volver medrar por segundo ano consecutivo ata acadar os 643,5 millóns de euros, o que supón que “esteamos ante a cantidade máis alta da historia de Galicia destinada ás políticas sociais”, apuntou.

Ademais, o responsable da área social da Xunta insistiu na importancia de seguir intensificando o diálogo, a colaboración e a coordinación cos concellos, o que ten o seu reflexo na nova Axenda Social de Galicia acordada coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Rede Galega contra a Pobreza. Ao respecto, indicou que unha das medidas desta axenda que xa se está a desenvolver é o impulso do Plan Concertado mediante o reforzamento dos equipos profesionais dos servizos sociocomunitarios municipais, coa dotación de máis persoal e a mellora das condicións de financiamento dos mesmos. Esta medida, aprobada no último Consello da Xunta do pasado mes de decembro, supón un incremento do 15% no orzamento para o mantemento destes servizos nos concellos da demarcación lucense, o que permitirá na práctica reforzar os equipos socicomunitarios de Chantada, Friol, Fonsagrada, Ribeira de Piquín e Viveiro.

Asemade, Rey Varela informou de que no conxunto de Galicia, a Administración autonómica destinará preto dun millón de euros á contratación de 63 novos profesionais para estes servizos que prestan os concellos, entre traballadores sociais, educadores e psicólogos. A esta cifra, hai que engadir outro millón de euros máis con motivo da actualización á alza do módulos de cofinanciamento do persoal destes servizos. Ambas medidas, no seu conxunto supoñen unha subida superior ao 22% nos recursos que destina a Xunta de Galicia aos servizos sociomunitarios municipais. O conselleiro sinalou que “o obxectivo deste reforzo é manter un nivel de atención de calidade e garantir a efectividade das medidas e programas que a Administración autonómica desenvolve cos concellos para facer fronte á pobreza e á exclusión social”.

Por último, Rey Varela e a primeira edil de Mondoñedo acordaron na reunión estudar novas vías de colaboración entre ambas administracións en temas relacionados coa atención ás persoas dependentes e aos maiores. Neste sentido, apuntou que no último ano a Xunta incrementou o número de horas de atención a persoas dependentes a través do Servizo de Axuda no Fogar (SAF); e deu conta da entrega á rexedora do informe para desbloquear os trámites administrativos que quedan para a próxima posta en funcionamento do centro residencial para persoas maiores.

4 de xaneiro de 2017 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.