publicidade hoxe

Ilusións renovadas para a segunda volta do Burela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurelaDeportesDeportes Portada
A-
A+

O Pescados Rubén Burela FS estrea mañá a segunda volta con ilusións renovadas na casa dun dos rivais máis fortes de Primeira xunto ao tridente de todopoderosos. O conxunto galego saltará á pista do Son Moix ás 20.30 horas para baterse ao Palma Futsal, cuarto clasificado (26 puntos).

Desde a 13ª praza (15 puntos), os laranxas tirarán de coraxe e fortaleza para facer desaparecer as pantasmas da primeira volta, motivados pola proximidade do seu compromiso en Copa do Rei. Retomar a concentración que tantos bos momentos lle regalou tanto en liga coma en Copa é o obxectivo para o Pescados Rubén e así aniquilar a mala etapa neste último tramo.

Na xornada inaugural, os burelistas xa demostraron que poden plantarlle cara ao equipo de Juanito, pelexando ata o final por un luminoso que se decantou pola mínima para o Palma (3-4). Non será tarefa doada, os locais chegarán co firme propósito de recuperar o triunfo para o seu feudo tras a derrota con Gran Canaria FS (2-3).

O cadro laranxa repetirá a convocatoria de Levante, a excepción de Edu, que será substituído por Álex, por unha rotura de fibras. Os mariñáns xa adestraron onte e hoxe en Son Moix.

Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 2. Sergio Cora, 5. Iago Míguez, 7. Isi, 9. Iago Rodríguez, 10. Matamoros, 11. Chano, 13. Álex, 17. Carlitos, 20. Miñano, 23. Antoñito, 27. Renato, 30 Hélder

Vista Alegre coa Copa do Rei

Tan só 4 días despois, o Pescados Rubén Burela FS plantaralle cara a un dos maiores retos da súa historia co apoio da Bancada Laranxa; o martes, 17 de xaneiro, Vista Alegre recibirá o Magna Gurpea (21.00 horas) no partido de ida de semifinais de Copa do Rei co obxectivo de facer valer a fortaleza da Bomboneira para viaxar con vantaxe á cita decisiva da eliminatoria, que adxudicará o 7 de febreiro en Anaitasuna un dos billetes para a final.

 

12 de xaneiro de 2017 | 19:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.