publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Igualdade insta ao concello de Ponte Caldelas a reabrir o CIM

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPonte CaldelasPortada dereita
A-
A+

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, instou hoxe ao Concello de Ponte Caldelas á reapertura do Centro de Información á Muller (CIM) de Ponte Caldelas, xa que supón un servizo de atención persoal que ten demostrado a súa eficacia na atención ás mulleres en xeral e, en particular, en cuestións tan sensibles como a violencia de xénero.

López Abella compareceu hoxe na comisión de Sanidade, Política Social e Emprego e recordou que a súa Secretaría tivo constancia da noticia do peche polos medios de comunicación e polas traballadoras do CIM, pero non polo propio Concello de Ponte Caldelas.

Recordou que a asesora xurídica atendía 27 horas á semana e a psicóloga facíao 11. É dicir, un total de 37 horas semanais de atención especializada, que agora van ser substituídas por unha atención de cinco horas, un só día, dunha avogada non especialista en violencia de xénero nin de igualdade e que nesas cinco horas tamén asesorará sobre desahucios, reclamacións a empresas telefónicas, divorcios… Todo isto tendo en conta que só no último ano, o CIM recibiu 525 consultas e atendeu a 138 persoas.

A secretaria xeral destacou que desde o CIM se facía un importante labor en atención especializada e asesoramento xurídico e psicolóxico en casos de violencia de xénero (denuncias, ordes de protección, ordes de afastamento…), xestión de aloxamento alternativo, tramitación de teléfono móbil de teleasistencia para as vítimas, xestión dos recursos necesarios nestes casos, apoio psicolóxico e colaboración con outros servizos de intervención en casos de violencia de xénero, como a Garda Civil, casa de acollida, servizos públicos sanitarios ou xurídicos.

Tamén fixo fincapé no feito de que a existencia do CIM permitiu poñer en funcionamento a Mesa Local contra a Violencia de Xénero, onde se coordinan os servizos do CIM, servizos sociais, Garda Civil, Subdelegación do Goberno e os responsables do Centro de Saúde do municipio ante calquera caso de violencia de xénero.

Ademais, desde o CIM se realizaban cursos de orientación laboral e formativos para mulleres con intención de favorecer a súa busca de emprego, información sobre cursos e bolsas de emprego específicas, orientación profesional e derivación aos servizos especializados municipais de emprego.

López Abella insistiu en que a Secretaría Xeral de Igualdade considera o peche un retroceso nos servizos ás veciñas e veciños do municipio e cualifica a decisión como errónea e equivocada polo gran traballo que leva feito o CIM durante os últimos 12 anos. Ademais, destacou en que o recoñecemento oficial dun CIM achega unha seguridade na existencia de medios persoais e materiais acreditados e permite acceder ás posibilidade de axuda convocadas anualmente pola Xunta de Galicia.

31 de xaneiro de 2017 | 18:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.