publicidade hoxe

Guntín recibiu 760.000 euros para 15 proxectos de incorporación de mozos e mellora de explotacións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGuntínLocal Portada
A-
A+
Ángeles Vázquez na reunión co alcalde de Guntín

Ángeles Vázquez na reunión co alcalde de Guntín

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, recibiu hoxe no seu despacho de San Caetano ao alcalde de Guntín, Jesús Carreira, co que avaliou a situación actual e as perspectivas de futuro do sector agrogandeiro neste concello lugués.

En particular, o rexedor municipal interesouse polos datos locais das axudas para incorporación de mozos á actividade agraria, así como para mellora de explotacións. A conselleira explicoulle que, na primeira destas liñas, foron oito os proxectos apoiados no 2016 dentro do termo de Guntín, cunha subvención que, en conxunto, se situou nos 346.500 euros. No que atinxe aos plans de mellora, o número de expedientes aprobados nese mesmo exercicio foi de sete, cunha axuda global de 412.063 euros, para un investimento total (realizado polos interesados) que supera lixeiramente os 700.000 euros.

Así pois, neste concello foron 15 as explotacións beneficiadas por estes dous tipos de axudas, cunha subvención total de 758.563 euros. Estas cifras representan, respectivamente, o 2,7% e o 2,9% do total provincial (en Lugo foron 548 os beneficiarios e algo máis de 26 millóns de euros as axudas aprobadas).

Estas achegas teñen como obxectivo fundamental dinamizar o tecido económico e social do agro, fomentando a remuda xeracional nas explotacións e procurando a súa maior competitividade, a través de diversas melloras na súa xestión.

Ademais de abordar estes asuntos, a conselleira e o alcalde de Guntín trataron tamén outros aspectos relacionados coa mellora das condicións de vida da poboación rural, en concreto referidas á posta en valor de camiños municipais.

9 de xaneiro de 2017 | 12:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.