publicidade hoxe

Gran éxito na primeira xornada do programa municipal “Bica e arrinca”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarón
A-
A+

O programa municipal “Bica e arrinca” comezou a desenvolverse oficialmente esta mañá nos colexios Ponte de Xuvia, Jorge Juan, Piñeiros, O Feal e A Solaina. Ata este último centro desprazáronse a primeira hora os edís de Seguridade Cidadá, Guillermo Sánchez Fojo, e Ensino, Mercedes Taibo, xunto con persoal da Policía Local e do equipo de Educación Viaria do Concello de Narón. Entre as 8.30 e as 9.10 horas, moitos dos pais e nais que levaron ao colexio aos seus fillos e fillas secundaron esta proposta, que consiste en parar o vehículo ás portas do recinto escolar, nun tramo delimitado duns catorce metros de lonxitude, e con sinalización horizontal e vertical. Os pais e nais paran o vehículo no espazo indicado, bican aos fillos e fillas para despedirse e arrincan de novo, o que permite evitar problemas de conxestión e estacionamentos indebidos na zona nesas horas de entrada aos centros. O sistema está operativo tamén en horario de tarde no colexio do Feal desde as 16.00 ata as 16.40 horas, ao haber clases tamén pola tarde.

O edil de Seguridade Cidadá, agradeceu aos pais e nais, ás comunidades educativas (Anpas e docentes) e á veciñanza dos barrios nos que se promove esta iniciativa, a súa colaboración desde o principio nesta proposta, encamiñada a “promover a mobilidade segura na comunidade escolar”. Sánchez Fojo explicou que “esta semana duplicaremos o esforzo realizado a través da Policía Local, que informará nos propios centros aos pais e nais que non coñezan aínda o programa sobre o seu funcionamento”. Así mesmo, o edil destacou que en cuestión duns meses esta iniciativa se complementará coa dos “estacionamentos disuasorios”, que tamén contribuirá a reforzar a seguridade cidadá, un dos obxectivos principais deste tipo de propostas impulsadas desde o goberno local.

Pola súa parte, a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, amosou tamén a satisfacción da área de Educación con esta proposta, aludindo ao programa “Camiños seguros”, pendiende de iniciarse e que xunto co resto de iniciativas impulsadas desde o Concello de Narón “promoverá tamén a autonomía dos nenos e nenas, fomentando que vaian camiñando ao colexio nunhas condicións óptimas de seguridade por unhas rutas preestablecidas e debidamente sinalizadas”.

30 de xaneiro de 2017 | 19:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.