publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Galicia conta con máis do dobre de instalacións de xeotermia por habitante que a media estatal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaNigránPortada esquerda
A-
A+
Ángel Bernardo Tahoces na visita a Marine Instruments

Ángel Bernardo Tahoces na visita a Marine Instruments

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, salientou hoxe na súa visita en Nigrán á compañía Marine Instruments que Galicia conta xa con máis do dobre de instalacións de enerxía xeotérmica por habitante que a media estatal.

Así, a comunidade conta con 0,39 instalacións por cada 1.000 habitantes, mentres que o rateo medio en España é de 0,15. Tal e como subliñou o director, Galicia supera as 1.000 instalacións de enerxía xeotérmica, concentrándose o 60% en vivendas unifamiliares, o 30% en vivendas de tamaño medio e o 10% en empresas e edificios públicos.

Ángel Bernardo Tahoces, que estivo acompañado por representantes de Acluxega (Asociación Clúster da Xeotermia Galega) resaltou o impulso da Xunta a esta enerxía renovable que permite aforros económicos que chegan ata o 70% en comparación con outras enerxías. Así, nos dous últimos anos a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Inega, apoiou a instalación de máis de 200 equipos de xeotermia por parte de particulares, pemes e entidades da administración local no marco do Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética.

Durante a súa visita, Ángel Bernardo Tahoces destacou a forte aposta polas enerxías renovables de Marine Instruments, empresa con base en Porto do Molle especializada en comunicacións e electrónica para o sector mariño, que crea solucións para axudar a unha pesca sostible e avoga por unha xestión eficaz dos recursos naturais.

A compañía construíu unha nova sede en 2012 na que apostaron polas enerxías renovables, nomeadamente a xeotermia, a solar térmica e os equipamentos de iluminación máis eficientes, o que permite un maior aforro económico e un menor impacto ambiental. A empresa conta con 12 captadores solares, unha bomba de calor xeotérmica que está conectada a 7 pozos de 140 metros de profundidade e un sistema de iluminación led.

3 de xaneiro de 2017 | 16:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.