publicidade hoxe

Francisco Conde sinala que Vía Galicia favorece a creación dun ecosistema emprendedor baseado no talento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPantón
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu hoxe na localidade lucense de Pantón á xornada de preparación do Demo Day que se celebrará a próxima semana en Lugo e na que se seleccionará aos finalistas da cuarta edición do programa de aceleración Vía Galicia. Neste sentido, o conselleiro destacou que esta iniciativa contribúe a favorecer un ecosistema emprendedor que aposta pola Industria 4.0, o talento, a creatividade, as novas ideas e unha cultura na que se pon especial énfase no coñecemento e a creación de valor.

Os 20 proxectos participantes en Lugo na Fase de Academia de Vía Galicia optan, xunto a outra vintena de propostas de emprendedores seleccionadas para a sede de Vigo, a formar parte dos 15 proxectos finalistas, aos que se poden unir outras tres iniciativas incluídas a maiores e que están vinculadas co ámbito aeroespacial, un sector no que Lugo xoga un papel estratéxico a través do polo tecnolóxico e industrial de Rozas.

Conde subliñou a importancia deste tipo de xornadas porque permiten aos participantes coñecer mecanismos que facilitan dar visibilidade ás súas propostas, destacar os seus puntos fortes e marcar liñas estratéxicas que consoliden os seus produtos no mercado.

O conselleiro subliñou que os emprendedores, na mesma liña na que se enmarcou esta nova edición de Vía Galicia, prestan especial atención á Industria 4.0, “o único camiño que ten o tecido empresarial para manterse á vangarda”, para impulsar proxectos sobre sectores como o téxtil, a alimentación e a pesca, a cultura e o ocio, TIC e aeroespacial. Deste xeito, Conde sinalou que o compromiso dos participantes co emprendemento contribúe a xerar riqueza e benestar e a facer da Marca Galicia un referente internacional.

A Xunta colabora coa Zona Franca nesta nova edición de Vía Galicia, á que se presentaron 300 solicitudes, dando continuidade aos resultados obtidos nas tres anteriores convocatorias, para as que se seleccionaron 80 proxectos, se puxeron en marcha 35 empresas e se crearon máis de 100 empregos.

Conde lembrou que Vía Galicia forma parte da Rede de Aceleradoras da Xunta que, cun investimento de 12 millóns de euros nos últimos catro anos, ten permitido poñer en marcha máis de 500 proxectos. Así, na provincia de Lugo desenvólvense varios programas de aceleración de empresas, como Agrobiotech, que ten como obxectivo incrementar o nivel de excelencia das pemes innovadoras galegas en actividades que prioriza a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3); ou como os centros coworking de Mondoñedo e Monforte, onde están a participar 35 proxectos promovidos por 38 emprendedores.

Esta aposta polo emprendemento contribúe a consolidar as cifras de creación de empresas, que aumentaron nun 23,2% na provincia de Lugo durante o ano pasado -sete puntos máis que a media galega-, cando se constituíron 457 empresas.

13 de xaneiro de 2017 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.