publicidade hoxe

Francisco Conde destaca a aposta de AMSlab por mellorar os procesos produtivos como exemplo do compromiso de Galicia pola innovación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+
Francisco Conde na visita ás instalacións de AMSlab

Francisco Conde na visita ás instalacións de AMSlab

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou esta mañá en Lugo as instalacións de AMSlab, laboratorio especializado en ensaios químicos e físicos e que está a liderar un consorcio de empresas que desenvolve o proxecto Qfashion, que ten como obxectivo mellorar o control dos procesos de produción. Conde destacou que esta iniciativa, na que colabora a Xunta a través do programa Conecta Peme, sirve como exemplo que certifica a aposta que está a facer Galicia polo talento e a innovación.

O proxecto Qfashion busca desenvolver solucións innovadoras que faciliten o control de produtos cosméticos e téxtiles por parte das empresas do sector da moda e da súa rede internacional de provedores. Esta iniciativa, posta en marcha en febreiro do ano pasado, pretende reducir os tempos de análise e resposta, sendo unha das liñas de actuación que os controis se poidan realizar na propia fábrica do cliente, sen necesidade de ter que enviar a mostra ao laboratorio.

“Qfashion é un exemplo claro de como a través da colaboración se poden desenvolver proxectos innovadores e transferir coñecemento ao mercado”, destacou o conselleiro.

Neste sentido, Conde sinalou que Qfashion responde a un dos retos da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), como é a aposta por un novo modelo industrial sustentado na competitividade e o coñecemento. Ademais, unha das novidades da terceira edición do Conecta Peme, desenvolvido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), é a aposta por proxectos innovadores que se especialicen na organización e mellora dos procesos produtivos. Qfashion conta cun orzamento de preto dun millón de euros, dos que o 60%, 590.000 euros, están financiados a través do Conecta Peme.

Conde lembrou que, a través da terceira edición do Conecta Peme, a Xunta ten apoiado con 25 millóns de euros a un total de 61 proxectos en Galicia, nos que participan preto de 230 empresas, a maioría pemes, o que contribuíu a mobilizar 47,6 millóns de euros e xerar máis de 100 empregos. Este programa busca incentivar unha innovación aberta para mellorar a competitividade das pequenas e medianas empresas, incrementando a capacidade científica e técnica do tecido empresarial galego e fomentando a cooperación público-privada en proxectos de I+D+i.

“A innovación é a panca do novo modelo produtivo e significa emprego de calidade, transferencia do coñecemento e capacidade competitiva e de abrir novos mercados ás nosas empresas”, engadiu.

Biotecnoloxía

O conselleiro subliñou tamén que a iniciativa está impulsada por un consorcio formado por catro empresas con sede en Galicia -AMSlab, Biomig e Xenotechs, en Lugo; e Mestrelab, en Vigo- que xeran 70 empregos de alta cualificación e que contan para este proxecto cun grupo de investigación no que participa a Universidade de Santiago.

Nesta liña, indicou que Galicia, que ocupa a terceira posición entre as comunidades que crea máis sociedades biotecnolóxicas, traballa para converterse nunha referencia en materia de bioemprendemento, un sector que factura 250 millóns de euros, dá traballo a 1.300 persoas en Galicia e ao que a Xunta presta especial atención a través da Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía co obxectivo de poñer en marcha 30 novas empresas neste eido ata 2020.

Sinalou para rematar que Galicia, en xeral, e Lugo, en particular, ten “moitas capacidades instaladas para que a biotecnoloxía se poida trasladar ao sector agroalimentario, pesqueiro e forestal”.

27 de xaneiro de 2017 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.