publicidade hoxe

Febreiro cheo de contos nas bibliotecas municipais e nos locais sociais de Augapesada e Bugallido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

A Concellería de Educación e Cultura comenza o mes de febreiro con novas sesións de contacontos nas bibliotecas de Ames, continuando así, a programación que se viña desenvolvendo durante o ano pasado. Por outra banda, amplíase a oferta de “Animación á lectura” na parroquia de Augapesada, debido ao éxito acadado de participación nas dúas sesións celebradas no pasado mes de xaneiro. A novidade para este mes de febreiro é a incorporación a este programa da parroquia de Bugallido, que comenza con dúas sesións mensuais.

As actividades de animación á lectura que organiza a Concellaría de Educación e Cultura amósalles aos rapaces e rapazas, mediante sesións de contacontos, a maxia que agochan os libros. Para un mellor funcionamento, as actividades están adaptadas ás idades dos nenos e nenas. Así, as sesións de contacontos están dirixidas especialmente aos nenos/as de entre 3 e 8 anos.

Esta programación de contos vaise a desenvolver durante o vindeiro cuadrimestre. Así, cada mes haberá catro sesións de contos nas bibliotecas de Ames (dúas na biblioteca do Milladoiro e dúas en Bertamiráns), ao igual que nos locais sociais de Augapesda, onde haberá contos dous luns ao mes, e no local social de Bugallido, onde esta programación realizarase dous martes ao mes.

As bibliotecas de Ames comezan co programa de Animación á lectura este mércores, 1 de febreiro, na biblioteca do Milladoiro, baixo o título Gústame como son, aprendendo a querernos. Esta sesións repítense o xoves 2 na biblioteca de Bertamiráns como é  habitual, para volver o día 15 de febreiro a biblioteca de Bertamiráns e 16 na biblioteca do Milladoiro,  baixo o título de Un cine singular: audiovisual con valores.

Durante este curso os contos non se centran nunha única temática senón que durante cada mes abordaranse temas distintos, sempre relacionados con aspectos de interese e de actualidade na formación emotiva, artística e formal dos máis cativos.

Contos nos locais sociais

Ademais, durante o mes de febreiro haberá sesións de contos nos locais sociais de Augapesada e de Bugallido. Os luns 6 e 20 de febreiro, ás 18:00 horas, os máis pequenos e pequenas teñen unha nova cita no local social de Augapesada, para escoitar novas historia baixo os títulos Unha volta ao mundo en contos e Quen ten cu, ten medo. Por outra banda, os martes 7 e 21 de febreiro tamén haberá contacontos no local sociocultural de Bugallido, onde O galo Quirico e Dona Carmen van ser os protagonistas destas sesións.

Así os máis pequenos e pequenas de Ames, ademais de fomentar o gusto pola lectura e favorecer o desenvolvemento da linguaxe, poderán promover a educación igualitaria e en valores, ao igual fortalecer o desenvolvemento cognitivo, e gozar xunto coas súas familias dun tempo de lecer.

30 de xaneiro de 2017 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.