publicidade hoxe

Evacuadas máis de 200 persoas nun simulacro de emerxencia por incendio nos xulgados de Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugo
A-
A+

Máis de 200 persoas foron evacuadas dos xulgados de Lugo nun simulacro de emerxencia por incendio que se iniciou ás 10 horas de hoxe.
Este foi o primeiro simulacro destas características que se realiza en Galicia nos edificios dos xulgados, se ben o pasado mes de abril xa se levou a cabo en Lugo unha actuación similar no edificio da Audiencia Provincial.

O número de traballadores a evacuar no edificio dos xulgados de Lugo ascende a 215 persoas, entre persoal de Xunta de Galicia e do Ministerio de Xustiza, ademais do número de usuarios que se atopaban nas instalacións nese momento.

Para a xestión da emerxencia e evacuación dispuxéronse no edificio dez grupos de acción, formados por 5 integrantes cada un deles, que ao longo do ano 2016 recibiron formación teórica e práctica en emerxencias, loita contra o lume e primeiros auxilios por parte do Servizo de Prevención de Riscos Laborais, que depende da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Como medios externos actuaron os Bombeiros de Lugo, Policía Nacional, Policía Local, o Centro de Atención ás Emerxencias 112 e Protección Civil de Lugo, entre outros. Os bombeiros de Lugo procederon á evacuación de dúas persoas que, seguindo a simulación, quedaron atrapadas.

O edificio dos xulgados de Lugo consta de cinco andares, cun semisoto e soto, que se dividen en dúas zonas de evacuación, dispoñendo en cada zona unha saída de emerxencia, agás no andar baixo onde existen catro saídas de emerxencia. O punto de reunión das persoas evacuada situouse na parte traseira do edificio, nunha explanada xunto ás dúas saídas de emerxencia principais. Tamén se habilitou outro espazo de reunión na fachada principal.

Este simulacro desenvolveuse no marco do plan de prevención de riscos laborais da Xunta de Galicia. Durante o pasado ano, o Servizo de Prevención de Lugo realizou dous simulacros de evacuación por incendio, o xa citado da Audiencia Provincial de Lugo e outro na Xefatura Territorial de Sanidade e Laboratorio de Saude Pública.

Para elo formáronse en emerxencias, loita contra o lume e primeiros auxilios un total de 30 persoas na Audiencia Provincial e 42 persoas en Sanidade e no Laboratorio de Saúde Pública, que pasaron a formar parte dos grupos de acción de intervención, evacuación e primeiros auxilios na implantación das medidas de emerxencias nestes centros de traballo.

20 de xaneiro de 2017 | 17:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.