publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Deteñen aos presuntos autores dun roubo con violencia e intimidación na Estrada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaLocal PortadaPortada dereitaSucesos
A-
A+

A Garda Civil detivo onte a dous veciños das comarcas do Deza e Tabeirós, como presuntos autores dun roubo con violencia e intimidación a unha persoa de avanzada idade, veciño do municipio da Estrada.

Os feitos sucederon o pasado día 15 deste mes cando este veciño, un ancián de 82 anos, con domicilio na parroquia estradense de Souto, foi abordado violentamente por un individuo que o estaba esperando nas inmediacións do seu domicilio.

O asaltante, coa cara cuberta, suxeitouno fortemente polo peito e esgrimindo unha navalla que lle colocou á altura do abdome, esixiulle que lle entregase todo o diñeiro. Ante esta situación intimidatoria o ancián entregoulle 265 €uros, no entanto, o atracador, que parecía saber que levaba máis diñeiro rexistroulle un dos petos e subtraeulle outros 1000 €uros que levaba consigo.

Partindo da hipótese de que o autor do roubo coñecía ou tiña información dos costumes da vítima, as pescudas centráronse sobre a súa contorna social máis próximo e levaron ao Equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Lalín á identificación dunha muller como a persoa que planificara o roubo, para o que estivera observando e controlando todos os movementos e costumes da vítima durante os últimos meses.

Toda a información solicitada por esta muller transmitiulla á persoa que supostamente convencería para materializar o atraco, un mozo, veciño do municipio de Silleda, que presuntamente foi o que, despois de valorar e estudar sobre o terreo as informacións e directrices que recibira, levou a cabo o roubo da forma descrita.

Os investigadores determinan que despois de executar o plan, o asaltante subtraeulle o teléfono móbil á vítima para evitar a inmediatez do aviso á Garda Civil e deuse á fuga a pé. Finalmente, estas dúas persoas, a inductora e o autor material do roubo repartíronse os 1.265 €uros do botín.

A investigación concluíu coa detención do home E.R.S., de 26 anos de idade, veciño de Silleda, como presunto autor material dun delito de roubo con violencia e intimidación e a muller M.T.O.G. de 60 anos de idade, veciña da Estrada, como inductora e colaboradora necesaria para a comisión do mesmo delito.

Os detidos pasarán durante as próximas horas a disposición do Xulgado de Instrución nº 1 da Estrada.

26 de xaneiro de 2017 | 12:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.