publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Deteñen a un veciño de Nigrán acusado de varios roubos nas cabinas da peaxe da autoestrada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaNigránPortada dereitaSucesos
A-
A+

A Garda Civil detivo a un veciño de Nigrán ao que se lle acusa de cometer tres roubos nas cabinas da peaxe da autoestrada AG-57, situado á altura de Vilariño, na parroquia de San Pedro da Ramallosa.

Os roubos esclarecidos víñanse producindo desde finais do pasado mes de outubro, todos eles en avanzadas horas da noite e con idéntico modus operandi: rompía a lona que recubre as cabinas, facturaba o cristal cunha pedra ou unha maza e retiraba o diñeiro que se atopaba nos caixóns do cambio. Os danos materiais ocasionados polas desfeitas causadas nas cabinas superan os 1.200 €uros.

O primeiro dos roubos produciuse o 31 de outubro do pasado ano, no que se denunciou a subtracción de 108 €uros; o segundo cometeuse a madrugada do día 4 de decembro, cun botín de 140 €uros e o terceiro foi a noite do día 19 do mesmo mes. Nesta última ocasión non conseguiu ningún diñeiro porque desde o segundo roubo xa non se deixaban cambios pola noite nestas cabinas.

A través das cámaras de seguridade da peaxe púidose observar que nos tres roubos rexistrados era unha persoa soa a que actuaba, chegaba á zona a pé, sempre a altas horas da noite e nos tres casos, ademais do modus operandi, o autor respondía á mesma descrición física e vestimenta.

En base á información obtida, polos efectivos do Posto Principal de Baiona-Nigrán, que se fixo cargo da investigación, establecéronse varias liñas de investigación a través das cales se chegou á identificación dun veciño do mesmo municipio como principal sospeitoso. As pescudas conclúen coa súa detención cando, despois de varios días de seguimento, púidose localizar a esta persoa vestindo a mesma roupa que levaba o momento no que supostamente cometera os roubos.

O detido recoñeceu en sede policial a autoría dos roubos e quedou en liberdade, pendente de ser citado pola autoridade xudicial competente.

10 de xaneiro de 2017 | 11:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.