publicidade hoxe

Deporte, accesibilidade e lecer serán os intereses comúns nos que traballarán xuntos tomiñeses e cerveirenses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTomiño
A-
A+

Tomiñeses e cerveirenses levarán a cabo de maneira conxunta proxectos relacionados co deporte, a accesibilidade e o lecer. Así o decidiron, no marco do primeiro Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT), os máis de 200 votantes de ambos concellos, a través dun proceso de votación telemática, cuxo prazo rematou o día 31 de decembro de 2016.

Cerveirenses e tomiñenses, maiores de 18 anos e electores nos seus respectivos concellos, escolleron de entre seis, tres proxectos que se levarán a cabo de forma conxunta, un por cada categoría de intervención: Cultura, Educación e Acción social.

No eido da Educación, os votantes escolleron por maioría a celebración do “1º Campus Deportivo Cerveira-Tomiño”. A proposta que se levará a cabo, logo de que así o proclame o Comité de Xestión Estratéxica (formado polos alcaldes e técnicos), ten coma obxectivo “educar en valores de tolerancia, cooperación, interculturalidade e respecto entre nenos e nenas de ambas vilas; fomentar o coñecemento cultural e social mutuo, o deporte saudable e a competitividade sen violencia”. As actividades previstas (torneos entre colexios, fútbol, natación, piragüismo, senderismo, etc.), desenvolveranse entre os meses de xaneiro e xullo de 2017.

No eido da Acción Social, o proxecto máis votado foio “Programa transfronteirizo para a información, apoio e visibilidade das problemáticas de accesibilidade”, co obxectivo de “Concienciar sobre as problemáticas de exclusión motivadas por discapacidades físicas e intelectuais, e aumentar a información e o coñecemento mutuo da problemática en ambos concellos”.Entre as accións programadas atópase a realización dun inventario de obras de eliminación de barreiras físicas, sensoriais e cognitivas; xornadas de sensibilización; proxecto roteiro transfronteirizo accesible e punto de información transfronteirizo.

Por último, na área de Cultura, a proposta máis votada foi “Festa da Amizade Tomiño-Cerveira”. O proxecto contempla distintas intervencións para a “dinamización artística, cultural e deportiva dos dous concellos e o fomento do intercambio artístico-cultural”. Actividades musicais, rutas de remo e canoa; tertulias, arte urbana e celebración do “Aniversario Amizade Cerveira-Tomiño”, son algunhas das accións englobadas neste proxecto. 

O Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT) é unha novidosa experiencia de cooperación, enmarcada dentro da Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño 2014-2020; un proxecto piloto de “Promoción da participación pública e de Cidadanía Transfronteiriza”,  Ademais o desenvolvemento da mesma ten formado parte de unha candidatura conxunta dos dous concellos á primeira convocatoria de proxectos de cooperación transfronteiriza finaciados polo PROGRAMA OPERATIVO DE COOPERACIÓN ESPAÑA E PORTUGAL(POCTEP) financiado fondos FEDERe que forma parte dunha candidatura conxunta dos dous concellos, á primeira convocatoria de proxectos de cooperación transfronteiriza financiados polo Programa Operativo de Cooperación España Portugal (POCTEP) fondos FEDER.

3 de xaneiro de 2017 | 18:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.