publicidade hoxe

Cores Tourís comproba os traballos de ampliación da ponte sobre o río Freixeira ao seu paso pola PO-536 en Forcarei

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaForcarei
A-
A+
Cores Tourís na visita ás obras en Forcarei

Cores Tourís na visita ás obras en Forcarei

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou esta mañá as obras de ampliación da ponte sobre o río Freixeira ao seu paso pola PO-536 que comezaron a pasada semana.

Na visita estivo acompañado da alcaldesa da localidade, Belén Cachafeiro, así como polo xefe territorial de Infraestruturas e Vivenda en Pontevedra, José Luis Díez, e o xefe da Axencia de Infraestruturas en Pontevedra, Fausto Núñez.

A obra conta cun orzamento que rolda os 85.000 euros e supón a ampliación da plataforma na zona da ponte mediante unha lousa de formigón de 25 centímetros de espesor con voadizos a ambos lados da estrutura existente, coa conseguinte ampliación da calzada e as beiravías. “A anchura con que contaba esta infraestrutura impedía a circulación simultánea entre dous vehículos en este tramo, de aí a necesidade de ampliar a estrada neste punto e de instalar unha beiravía para tránsito de vehículos, mellorando así a seguridade vial na traza”, explicou Cores Tourís.

Para ampliar as zonas adxacentes á estrutura e dar continuidade á sección da ponte, estanse a executar dende a semana pasada, os correspondentes recheos en terraplén con muros de mampostería labrada. En relación á nova beiravía para a circulación de peóns, dará continuidade á existente no tramo urbano e conectarase coa cuneta transitable disposta ao longo da estrada.

Con esta obra, segundo apuntou o delegado territorial, “damos cumprimento a unha promesa realizada pola conselleira de Infraestruturas á alcaldesa da localidade, xa que estamos a falar dunha estrada moi utilizada que enlaza dous dos principais núcleos do concello, Forcarei e Soutelo de Montes, e dous polígonos empresariais”, recordando que xa foi obxecto dunha importante mellora no 2014 que supuxo a súa ampliación ao longo de 4 quilómetros e na que a Consellería de Infraestruturas investiu case 800.000 euros.

“Por tanto”, engadiu o responsable territorial, “a solución proxectada consiste na ampliación da calzada mediante unha lousa de 32 metros de lonxitude e 9,3 metros de anchura, con voladizos a ambos lados e executada con prelousas de celosía como encofrado perdido, para axilizar así o proceso construtivo”. No lateral esquerdo da lousa proxectarase unha beiravía elevada de 15 centímetros sobre a calzada cunha anchura de 1,30 metros. A reposición do pavimento realizarase con 5 centímetros de mestura bituminosa na zona de lousa nova e con 5 centímetros de mestura bituminosa e 10 centímetros de AC22 sobre unha base de 35 centímetros de zahorra artificial nas zonas de ampliación de noiros.

As obras no requeriron expropiación algunha, “xa que todas as actuacións se encontran incluídas dentro da franxa de dominio público da estrada”. Os traballos terán unha duración de tres meses.

Para garantir a seguridade viaria mentres duren as obras, cortouse ao tráfico esta estrada dende a pasada semana, desviándose pola N-541 e a PO-534, instalándose unha correcta sinalización ao respecto.

30 de xaneiro de 2017 | 17:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.