publicidade hoxe

Convócanse oito accións formativas dirixidas a unhas oitenta persoas empadroadas en Narón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarón
A-
A+

A Concellería de Formación e Novas Tecnoloxías convoca oito novas accións formativas da área de Inclusión Tecnolóxica (rede CeMIT) que se desenvolverán entre os meses de febreiro e xuño, en función do curso, na Aula Cemit de Xuvia. A edil responsable da área, Natalia Hermida, explicou que estas accións se dirixen, dependendo da modalidade elixida, a persoas empadroadas en Narón e tamén a tres colectivos específicos: desempregados totais ou en mellora de emprego, Pemes do sector servizos e o seu persoal e cidadanía en xeral. O prazo de inscrición nestes cursos abrirase mañá martes, debendo as persoas interesadas cubrir unha instancia xenérica que poden solicitar no Rexistro municipal ou descargar da páxina web do Concello: www.naron.es. Con cargo a esta convocatoria, destacou Hermida “ofreceremos 460 horas de formación, dirixidas a un total de 79 persoas da nosa localidade”. As instancias cubertas deberán entregarse no Rexistro municipal, de luns a venres entre as 8.30 e as 13.30, ata o vindeiro 7 de febreiro.

Ao primeiro dos colectivos, persoas desempregadas totais ou en mellora de emprego diríxense tres accións formativas: sobre “Xestión empresarial básica”, con nove prazas e de duascentas horas de duración (en horario de tarde), que comezará o 13 de febreiro; “Mellora da empregabilidade en internet”, con dez prazas e de trinta horas, para iniciar o 21 de marzo; e “Marketing dixital. KPIs”, para doce persoas e de 50 horas que comezará o 1 de abril (estes últimos en horario de mañá).

Para as Pemes do sector servizos e o seu persoal convocaranse accións formativas de “Posicionamento en internet e indicadores de xestión”, que tamén comezará o 13 de febreiro; “Creación e dinamización da web”, que se iniciará o 15 de marzo, e “Marketing dixital: promoción comercial a través das redes sociais”, a partir do 17 de abril. Para cada un deles, de vinte e catro horas de duración, ofrécense dez vacantes (ambos serán en horario de tarde).

A inscrición da terceira das convocatorias será aberta á cidadanía en xeral. O 2 de maio comezará unha acción formativa sobre “Trámites online e administración electrónica”, con sete prazas e de corenta e oito horas; e o 19 de maio iniciarase outra sobre “A utilidade das TIC”, de sesenta horas e para once persoas (en horario de tarde).

“Un ano máis, desde a Concellería de Formación e Novas Tecnoloxías, continuamos incrementando a oferta formativa dirixida aos nosos veciños e veciñas e nesta ocasión, como novidade, tamén hai unha proposta específica dirixida a empresarios e persoal en activo das empresas de servizos da localidade, que consideramos que pode ser útil para a mellora da efectividade dos seus negocios”, destacou Natalia Hermida. A edil naronesa incidiu no “esforzo inversor que se realiza desde o goberno local para poder convocar cada ano accións formativas dirixidas a diversos colectivos da sociedade, co fin de mellorar as opcións dos naroneses e naronesas á hora de acceder ao mercado laboral”.

30 de xaneiro de 2017 | 19:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.