publicidade hoxe

Comeza na Guarda o curso de educación para adultos preparatorio das probas libres de E.S.O.

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Guarda
A-
A+

Este mércores 25 de xaneiro iniciouse na Guarda o curso de educación para adultos de preparación das probas libres para obter o título de Graduado en E.S.O.

Un ano máis, como vén sendo habitual, o concello da Guarda organiza este curso,  que sempre ten excelentes resultados e unha alta demanda. Para o curso deste ano inscribíronse un total de 36 persoas e o curso deu comezo con 30 persoas, quedando o resto en lista de espera. Entre os alumnos e alumnas participantes existe unha elevada porcentaxe de xente moi xove, de entre 17 a 21 anos. Non obstante, a maioría de asistentes, un 47% dos inscritos, pertence ao rango de idade que vai dos 21 aos 40 anos. Ademais, o curso conta con case paridade en canto a asistencia de homes e mulleres.

As clases do curso impartiranse en horario de mañá de luns a xoves no Sinde Vello. A primeira convocatoria para realizar as probas libres da E.S.O. realizarase o vindeiro mes de maio, pero o curso desenvolverase ata o mes de setembro, cando os alumnos e alumnas terán unha nova oportunidade coa segunda convocatoria. 

Comeza así unha acción formativa que se leva a cabo na Guarda tódolos anos e que está financiada con fondos propios do concello, sendo de balde para os alumnos. Levar a cabo este curso supón un importante esforzo económico para o concello que, non obstante, ten tamén un alto beneficio pois repercute de maneira moi positiva nos alumnos e alumnos. Trátase dunha gran oportunidade para que aquelas persoas que non conseguiron o graduado na ESO, ou aqueles que debido a súa idade xa están fora do ámbito escolar, podan preparar as probas para obter o certificado de educación obrigatoria e deste xeito ter maiores posibilidades de acceder ao mercado laboral ou continuar cos seus estudos. Dende o concello da Guarda animan a tódolos asistentes ao curso, pois con ilusión e esforzo seguro que aproveitarán ao máximo as clases e serán capaces de aprobar os exames e obter o título de graduado en ESO, que lles permitirá mellorar tanto no eido profesional como persoal.

25 de xaneiro de 2017 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.