publicidade hoxe

Comeza en Ames a programación teatral de 2017 coa representación de “O Tolleito de Inishmaan”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

Este venres, 27 de xaneiro, ás 21:00 horas, volve o teatro ao concello de Ames da man da compañía Contraproducións, que porá en escena, na Casa da Cultura do Milladoiro, o espectáculo O Tolleito de Inishmaan. As entradas para esta obra de teatro xa están á venda na Billeteira electrónica. Tamén se poden mercar as entradas, de xeito anticipado e presencial, nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns, dirixíndose aos postos de conserxería e coa axuda dos técnicos do departamento de Cultura, de luns a venres, en horario de 10:00 a 13:00 horas. Ademais,  resérvase o 10% das entradas para vender de xeito presencial unha hora antes do comezo do espectáculo.

A Concellaría de Educación e Cultura preparou unha ampla programación teatral para o primeiro semestre deste ano. Entre os meses de xaneiro e maio haberá un total de 16 funcións, correspondentes a 11 espectáculos, que están dirixidos tanto ao público familiar como aos adultos. Deste xeito, a programación de teatro comeza este venres, 27 de xaneiro, ás 21:00 horas, coa representación do espectáculo O Tolleito de Inishmaan, da compañía Contraproducións, que está dirixida por Cándido Pazó, e que conta cun elenco de 8 actores de recoñecido prestixio. Esta comedia, que está dirixida ao público adulto, será posta en escena na Casa da Cultura do Milladoiro. 

Cándido Pazó, director da obra, destacou que se trata “dun drama disfrazado de comedia. Este espectáculo conta cun elenco de actores que encarnan a perfección o papel que representan cada un deles. Ademais, tal e como destaca a critica, trátase dunha obra que realiza un bo tratamento da lingua ao empregar un galego fresco, vivo, enxebre… Eu reivindico a autenticidade da lingua galega e este espectáculo posúe un cartel de actores e actrices cunha lingua fresca, viva e auténtica”. 

Por outra banda, Evaristo Calvo, actor que interpreta un dos papeis protagonistas neste espectáculo, agradeceu “a aposta que fixo a compañía Contraproducións por unha montaxe destas dimensións na que participan 8 actores e actrices de recoñecido prestixio. Non é fácil que unha compañía galega faga unha montaxe deste tipo polo custo que representa”. Ademais, agradeceulle ao Concello de Ames “a aposta que fai pola cultura porque o teatro non é só un espectáculo senón que é un acto social”.

A sinopse do espectáculo indica que a historia que se relata podería discorrer nunha aldea galega, pero transcorre nunha pequena illa irlandesa durante os anos 30. Esta obra conten personaxes curiosas, pintorescas, características… Seres máis ou menos adorables, máis ou menos odiosos que, nun mundo física e humanamente isolado, viven as súas vidas cativas como poden e como saben. Entre eles un tolleito, un ser desfavorecido que ten unha arela que para el semella extremadamente difícil: transcender ese ámbito cerrado que está obrigado a habitar; un eivado que persegue un soño que nel parece empresa imposible: ser amado e valorado como calquera outro.

Trátase dun espectáculo de gran formato (8 actores de prestixio, potente escenografía, música emocionante composta para o espectáculo, iluminación atractiva) no que o público se sentirá atrapado polo humor e a tenrura dun teatro tan entrañable, tan noso, coma o irlandés. O reparto deste espectáculo está composto por Evaristo Calvo, Ana Santos, Ricardo de Barreiro, María Roja, Luis Iglesia, Santi Romay, Marcos Pereiro e Susana Dans.

 

23 de xaneiro de 2017 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.