publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Cinco candidaturas optan á distinción de “Aldea Singular” do Concello de Lalín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal Portada
A-
A+

Cinco núcleos rurais do Concello de Lalín optan a facerse coa segunda edición da distinción Aldea Singular posta en marcha polo Goberno local coa pretensión de poñer en valor o rural recoñecendo a aquela aldea ou parroquia do municipio que máis destaque na defensa e conservación da súa contorna natural, ambiental, do seu patrimonio histórico, cultural ou artístico, así como en iniciativas de impulso económico, social, cultural, integración veciñal etc. O número de propostas é idéntico ao da primeira edición, repetindo candidatura as parroquias de A Xesta, Doade, e Xaxán, mentres que se presentan por vez primeira Cercio e Zobra. A entrega deste galardón terá lugar durante os actos oficiais da XLIX Feira do Cocido de Lalín, que se celebra o 19 de febreiro. 

Esta distinción pioneira ten unha dotación económica de 15.000 euros que o núcleo gañador debe investir en actuacións que redunden beneficiosamente para conxunto de veciños e sempre sobre terreos e espazos de dominio público. Así, os investimentos deberán estar relacionados con obras de construción ou rehabilitación, limpeza, sinalización, recuperación de espazos, mellora de alumeado público ou aforro enerxético, melloras e/ou construcións de saneamentos, canalizacións etc.

O xurado que valorará os proxectos presentados vai manter a primeira reunión o luns da próxima semana e ten previsto emitir o fallo o día 15 de xaneiro. Este tribunal está composto polo alcalde de Lalín, que será o presidente, e polos concelleiros e concelleiras de Urbanismo, Cultura, Rural e Facenda. Nesta edición tamén formará parte do xurado un concelleiro designado pola oposición, así como un técnico municipal de urbanismo, un profesional independente da arquitectura  e o paisaxismo, un artista de relevancia cultural e un experto medioambiental. O grupo  valorará a conservación urbanística e arquitectónica de cada candidatura, a súa integración na paisaxe e o coidado dos seus valores naturais, sen esquecerse da súa actividade sociocultural e do proxecto de actuacións presentado, outorgándolle a condecoración a aquela que obteña maior puntuación dun total de 100 puntos.

O Goberno de Lalín quere mostrar o seu agradecemento polo esforzo realizado por cada unha das parroquias candidatas xa que “aínda que non se entrou a valorar os proxectos, simplemente coa verificación da documentación se pode apreciar o inxente traballo dos veciños e veciñas, con propostas moi elaboradas e de gran nivel, que farán moi difícil a decisión do xurado”.  O Concello de Lalín “continúa coa súa aposta firme pola recuperación e dotación de servizos ao rural,  unha prioridade que se reflicte coa posta en marcha deste galardón, que chega á súa segunda edición, e que se pretende consolidar no tempo como exemplo dun Concello cun rural vivo, dinámico e exemplar”.

3 de xaneiro de 2017 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.