publicidade hoxe

Cerdedo-Cotobade organiza un festival infantil e un concurso de disfraces para o Entroido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCerdedoCotobade
A-
A+

O Concello de Cerdedo-Cotobade xa ten en marcha a organización do Entroido 2017, que incluirá como actos principais un festival infantil e un concurso de disfraces cos que se pretenden manter as tradicións dos dous territorios por mor destas festas e contar cunha programación máis ampla para todos os veciños e incluso visitantes de concellos próximos. “Como a unión fai a forza, cada vez estamos contando con máis programas e actividades, algo que xa se puido ver no Nadal e que agora se estenderá ao Entroido”, explicou o presidente, Jorge Cubela.

A primeira iniciativa terá lugar o domingo 26 de febreiro no pavillón municipal de Cerdedo, que acollerá un festival infantil a partires das 17.30 horas. Esta festa, que se prolongará por espazo de tres horas, contará cunha discoteca móbil infantil, xogos, música, baile, actividades organizadas por monitores, un diverphotocall que incluirá pezas de disfraz, un obradoiro de maquillaxe e un inchable. Dende o Concello quere animarse a todos os cativos a que acudan disfrazados a esta celebración.

A segunda iniciativa será o tradicional concurso de disfraces de Cotobade, que terá lugar o domingo 5 de marzo en quenda de tarde no pavillón municipal de Carballedo. Este certame contará con diversos premios, aínda por determinar, para os mellor disfrazados nas categorías infantil e de adultos, ao igual que en anos anteriores. Ademais, e para completar unha actividade que se estenderá durante toda a tarde, tamén haberá un desfile a través dunha pasarela e unha festa con actuacións musicais, animación e actividades para os cativos. Finalmente, haberá agasallos para todos os nenos que acudan disfrazados.

Cubela amosou a súa satisfacción polo completo programa, que ademais está orientado principalmente aos máis pequenos, e agarda que haxa unha elevada afluencia de público e participantes polo tirón propio do Entroido, pola variedade das actividades e por contar cunhas datas moi acaídas tras coordinar estes eventos co alcalde da Lama, Jorge Canda, para evitar coincidencias e completar deste xeito o Entroido da bisbarra. O veciño concello realizará as súas actividades o sábado 4 de marzo.

19 de xaneiro de 2017 | 18:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.