publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Carmela Silva reclama á Xunta a elaboración dun plan integral para os CIM

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO GrovePontevedra
A-
A+

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, reclamou hoxe no Grove “que a Xunta de Galicia elabore un plan integral para todos os Centros de Información á Muller de Galicia, e en particular da provincia de Pontevedra, que permita que haxa recursos suficientes para atender todas as necesidades das mulleres, que hai quen esquece que somos máis da metade da poboación”. Como afirmou a Presidenta da institución provincial, “así garantirase que este servizo se preste con estabilidade e coa garantía de que eses servizos se poidan cumprir ao 100% e con permanencia”, ao tempo que denunciou que “non pode acontecer o que pasa nalgúns concellos, nos que os recursos varían de ano a ano, diminuíndo ata o punto de que quedan sen el”.

Carmela Silva fixo estas demandas durante a súa visita ao concello meco, durante a cal puido comprobar de primeira man o resultado de distintas obras que recibiron achegas por parte da institución provincial no ano 2016, entre elas o edificio no que se localiza este servizo que, como asegurou a Presidenta provincial, “é un instrumento fundamental para a promoción da Igualdade e a loita contra a violencia de xénero, mediante a atención ás mulleres que sofren violencias machistas, e iso é algo que me preocupa como Presidenta da Deputación de Pontevedra, como muller e como defensora dos nosos dereitos”. Carmela Silva visitou o local no que se atopan o Centro de Información á Muller e Servizos Sociais e a Oficina Municipal de Información á Xuventude (OMIX), no que se realizou unha redistribución e acondicionamento cun orzamento de máis de 83.000 € co que se renovaron e adaptaron por completo as súas instalacións para poderse adaptar ás necesidades actuais do espazo, que nos últimos anos viu como se incrementaban as demandas de axudas.

Carmela Silva tamén se achegou ao paseo de Beiramar, que cun orzamento de 157.000 € renovou os seus servizos urbanísticos dende as redes eléctricas ata o saneamento, pasando polo alumeado, o tratamento das zonas verdes ou a pavimentación e renovación das beirarrúas. Esta reforma era unha das grandes reivindicacións da veciñanza grovense, razón pola que a Presidenta provincial asegurou que “agora este é un espazo humanizado do que poden gozar as persoas, un espazo público para a xente que non é soamente importante como vía de entrada e primeira imaxe dos e das visitantes a este lugar turístico de excelencia, senón que tamén pode ser empregado con calidade por toda a veciñanza do Grove”. Silva puido ver ademais o edificio da Policía Local grovense, que foi rehabilitado “dándolle a esa rúa máis calidade porque o edificio está en moi boas condicións e así a Policía Local, que é un servizo fundamental, ten agora un espazo digno”.

Carmela Silva tamén visitou o mercado municipal onde, cunha achega de arredor de 27.000 € da Deputación de Pontevedra, se acondicionou o edificio para a creación de espazos de emprendemento comercial. A este respecto, a Presidenta salientou que “debemos converter de novo estes espazos en pulos de atracción durante todo o ano” e anunciou que “en 2017 repetiremos o plan Degusta Europa, que este ano chegará á Praza de Abastos do Grove”, onde “a través dun showcooking no que Carlos Oroza elaborará diferentes tapas co produto comprado na propia praza, poremos en valor de novo estes espazos, o noso produto que é o mellor do mundo e tamén grandes profesionais que se forman nos centros da provincia”.

A Presidenta da institución provincial visitou, ademais, o centro deportivo Terra de Porto, ao que se destinou un orzamento de máis de 127.000 € para a reforma do equipamento deportivo ao aire libre. Para rematar a súa visita, tamén tivo a ocasión de manter un encontro do Club de Remo Mecos, que está a desenvolver un pioneiro proxecto (o primeiro en Galicia) de instalación para remo adaptado “que me emociona e que aplaudo”, asegurou. A este respecto, a Presidenta provincial anunciou que “este ano as bases das axudas ao apoio aos clubs da provincia van incluír criterios que favorecerán, á hora de obter financiamento, ao deporte feminino e ao deporte adaptado”.

O alcalde do Grove, José Cacabelos, asegurou que “coa chegada do novo Goberno provincial, O Grove agora existe para a Deputación” e por iso agradeceu “a súa sensibilidade e o cambio de xestión política que se fai de cara aos concellos” xa que “agora a Deputación sabe que as vilas sabemos decidir sobre as nosas necesidades”. Cacabelos salientou que a colaboración entre ambas as dúas institucións “é total, con proxectos que nos permiten seguir avanzando e mellorando a vida da nosa veciñanza”. A este respecto, Carmela Silva amosou “a miña satisfacción polas decisións que ten tomado o Goberno do Grove, pensadas para as persoas e a mellora da súa calidade de vida” e asegurou que “estamos a desenvolver, e seguiremos desenvolvendo no futuro, moitas demandas históricas dos e das grovenses que outras administracións non tiñan respondido” xa que “este concello, que é un núcleo turístico de excelencia, achega moita riqueza económica non só ao Grove, senón a toda a provincia, e por iso o temos que escoitar”. Entre esas demandas históricas, Carmela Silva resaltou o Auditorio Municipal da vila, “que será unha realidade neste mandado grazas ás partidas achegadas dende o Plan Concellos dende 2016 ata 2019″.

25 de xaneiro de 2017 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.