publicidade hoxe

Caldas de Reis recibirá 700.000 euros do Plan Concellos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCaldas de ReisPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra achegaralle este ano un 17 % máis de recursos ao Concello de Caldas de Reis no marco do Plan Concellos. Deste xeito, a vila recibirá un total de 695.534,10 €, case 100.000 euros máis, un 16,6 % máis de recursos que en 2016, ano no que xa tivo un 36,5 % de incremento respecto a 2015 (o que se traduciu en 159.444,26 € máis). Á marxe do Plan Concellos, Caldas recibirá o vindeiro ano outras axudas e subvencións, enmarcadas nas diferentes áreas de actividade da Deputación de Pontevedra, ás que o Concello poderá concorrer.

Investimentos totais durante 2016

Durante o ano 2016 a Deputación de Pontevedra destinou a Caldas de Reis un total de 944.810,58 euros, dos cales 596.413,25 € se corresponderon co Plan Concellos 2016. Ademais, a institución provincial investiu 74.000 € en mobilidade, 71.000 € en cohesión social e xuventude, 24.000 € en cultura e lingua, 105.000€ para o fomento do emprego, 14.000 € para o impulso do deporte e outros 10.000 € para a igualdade entre mulleres e homes.

En concreto, a través da liña 1 do Plan Concellos investíronse 506.634,11 € para a renovación das rúas Loureiros e Juan Fuentes Echevarría e para a construción de vestiarios e unha poza na Finca Tafona. Ademais, 22.300 € da liña 3 destináronse ao pagamento do profesorado da Escola de Música, á V Feira Tradicional, aos obradoiros de manexo de teléfonos intelixentes e tabletas para persoas maiores, a un proxecto de promoción da igualdade e prevención contra a violencia de xénero, ao Congreso Galego de Medio Ambiente e á promoción turística da vila. Grazas á liña 4 creáronse oito postos de traballo nos servizos municipais, cun investimento de 67.413,60 €.

Á marxe do Plan Concellos 2016, Caldas de Reis recibiu 23.758,40 € para o fomento da cultura e a lingua na vila, con máis de 30 actuacións do Pontegal e do Ano Castelao, así como axudas á rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural e á memoria histórica e as axudas á dinamización lingüística. Tamén se destinaron 71.065,04€ para cohesión social e xuventude, ben a través dos servizos sociais comunitarios, as axudas básicas de emerxencia e o servizo de teleasistencia domiciliaria (con tres persoas usuarias) ou ben mediante os programas”En ruta coa Depo” (do que gozaron sete asociacións), “Depo en marcha”, “Depotermal”, “Tecendo lazos” e “Depo Aventura A Lanzada”, no que participaron 22 nenas e nenos do Concello.

Así mesmo, Caldas recibiu 13.822,81 € para o deporte federado de base, as axudas aos clubs náuticos, diversas actividades deportivas e as dúas DEPOrte Escolas, de marcha e piragüismo, así como 105.451,68 € para o fomento do emprego a través dos plans de práctica laboral, que están a permitir que catro persoas desenvolvan a súa primeira experiencia laboral no Concello de Caldas e outras sete, no tecido empresarial da vila. Tamén se achegaron 10.446,75 euros para o fomento da igualdade, a través do programa “Conectadas 2016” e as axudas aos concellos de menos de 20.000 habitantes para o fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e a prevención da violencia machista (tamén se subvencionou un proxecto municipal desta mesma temática) e outros 73.786,01 € en materia de mobilidade, en concreto para o Plan Móvese e as obras de sinalización horizontal nas vías provinciais.

2 de xaneiro de 2017 | 16:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.