publicidade hoxe

Bueu convoca o concurso de carteis do Entroido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+

O Concello de Bueu convocou hoxe o Concurso de Carteis do Entroido, no que poderán participar todas as persoas maiores de 16 anos cun máximo de tres obras orixinais e inéditas. O deseño gañador será o seleccionado para o cartel da programación do Entroido de Bueu nesta edición.

As bases, que se poden consultar na web municipal www.concellodebueu.org, foron aprobadas hoxe por resolución da alcaldía e establece que o prazo de entrega de orixinais remata o 17 de febreiro ás 14.00 horas. Establecerase un único premio cun importe de 300 €, e para a valoración do xurado teranse en conta criterios como a calidade técnica e artística, o impacto visual, a creatividade e a orixinalidade.

As persoas que desexen participar poden empregar a técnica artística que consideren máis axeitada, tales como a pintura, a ilustración, a fotografía… Os traballos entregaranse ou persoalmente ou por correo postal no Rexistro Xeral do Concello.

O ano pasado o gañador foi Marc Taeger, debuxante e ilustrador de Bueu que rexentaba o local recentemente desaparecido de Lobocoxo. Do seu deseño realizado coa técnica da pluma de gaivota, o xurado resaltou o colorido, a pictoricidade e calidade artística, ademais da súa capacidade para capturar o espírito do Entroido de Bueu. 

31 de xaneiro de 2017 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.