publicidade hoxe

Balseiro destaca que os alumnos dos obradoiros de emprego “acceden ao mercado de traballo en mellores condicións”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs NogaisBarallaLáncaraTriacastela
A-
A+
Clausura do obradoiro Río Neira

Clausura do obradoiro Río Neira

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro Orol, defendeu hoxe que os obradoiros de emprego son “un instrumento válido para acceder en mellores condicións ao mercado de traballo”, xa que os alumnos que participan neles “recíclanse profesionalmente, aprenden e practican un oficio con demanda laboral”.

O delegado territorial realizou estas declaracións durante a clausura do obradoiro Río Neira, promovido polo concello de Láncara coa participación dos concellos de Baralla, As Nogais e Triacastela, que foi sufragado con 179.134 euros pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

No acto de clausura participaron os alcaldes das Nogais, Jesús Manuel Núñez; Baralla, Manuel Jesús González Capón, e Triacastela, Olga Iglesias, así como a tenente alcalde de Láncara, Begoña López Magdalena.

Durante os últimos seis meses, formáronse e traballaron neste obradoiro 20 persoas desempregadas, nas especialidades de operacións de formigón e operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización. Todos eles reciben un certificado de profesionalidade, un recoñecemento oficial que os habilita para exercer profesionalmente en todo o Estado.

Ao mesmo tempo que aprendían un oficio, os alumnos traballadores realizaron obras de mellora do campo da feira da Pobra de San Xiao (Láncara), restauraron lavadoiros públicos no Castelo (As Nogais), melloraron lavadoiros e outros espazos públicos de Pousada e San Xusto (Baralla) e acondicionaron o entorno de Vilavella e o camiño de Folgueiros en Triacastela.

José Manuel Balseiro destacou que os obradoiros de emprego “teñen tamén a cualidade de executar obras e servizos de interese social, en beneficio dos veciños e veciñas dos municipios que os acollen”.

Neste sentido, explicou que no último semestre desenvolvéronse 19 obradoiros de emprego nos que participaron 361 alumnos de 51 concellos lucenses. A Consellería de Economía destinou 3,2 millóns a financiar estas iniciativas. Dez destes proxectos rematan nos vindeiros días mentres que os outros continúan ata o mes de marzo.

En todo caso, lembrou o delegado, “os participantes poden seguir contando co apoio da Xunta a través dos diversos programas de fomento do emprego”. Ao respecto, considerou especialmente valioso “a preparación que ofrecen os obradoiros de cara ao autoemprego, ao proporcionar formación tanto teórica como práctica en especialidades con boas perspectivas de empregabilidade”.

Neste sentido, sinalou que a Xunta convoca programas de axudas para o establecemento como traballador autónomo e para o emprendemento empresarial, a través da propia Consellería de Economía ou do Igape, e animou aos participantes do obradoiro a solicitar información sobre as distintas opcións á súa disposición.

30 de xaneiro de 2017 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.