publicidade hoxe

As Xuventudes Musicais de Sober organizan un concerto este sábado na igrexa de Proendos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+

O Goberno local do Concello de Sober colabora coa celebración da festa de San Amaro en Proendos, que terá lugar o sábado 14 e o domingo 15 de xaneiro. Durante a festividade as Xuventudes Musicais de Sober iniciarán o ciclo de concertos deste ano 2017 cun recital na igrexa parroquial de Proendos.

O alcalde soberino, Luis Fernández Guitián, avanzou que a xornada festiva contará con pasarúas os dous días a cargo da Banda de Música de Sober. Ademais haberá misa solemne cantada a mediodía e procesión  co acompañamento da banda municipal.

O rexedor salientou ademais que sábado, o día grande da festa de San Amaro, as Xuventudes Musicais de Sober iniciarán o ciclo de concertos deste ano cun recital gratuíto para todos os asistentes na igrexa parroquial de Proendos. Será a partir das 19:00 horas e consistirá na actuación estelar do prestixioso dueto musical Fremde Dúo, integrado por Valentina Casades, unha artista da arpa, e o solista da Ópera de Hamburgo, Cristian Palau.

“É unha gran honra para todos os veciños de Proendos que as Xuventudes Musicais de Sober elixiran esta festividade para inaugurar a súa xira de concertos e tamén é unha gran honra que este prestixioso dúo veña actuar á nosa vila” destacou o alcalde.

O sábado pola noite pechará a xornada festiva, a partir das 20:00 horas, a actuación da orquesta Los Players. Guitián indicou que se instalará unha carpa no campo da festa “por se o tempo non acompaña”.

12 de xaneiro de 2017 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.