publicidade hoxe

As doce carrozas da Cabalgata Solidaria percorrerán un tramo da estrada de Castela desde Xuvia ata a Praza de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarón
A-
A+

As doce carrozas que forman parte da comitiva da Cabalgata Solidaria do Concello de Narón partirán mañá ás 16.00 horas de Xuvia –das inmediacións da estación de FEVE-, e percorrerán un tramo da estrada de Castela para chegar ás 17.00 á Praza de Galicia. Alí serán recibidos de xeito institucional os participantes e a veciñanza pola edil de Acción Social, Catalina García, e ás 17.35 horas está prevista a mensaxe dos Reis Magos, Melchor, Gaspar e Baltasar, e do Rei sabio Artabán. Os nenos e nenas gozarán dunha xornada que continuará ás 17.45 horas coa interpretación da panxoliña “Narón brila en Nadal” e coa tradicional recepción dos Reis Magos e Artabán na citada praza, donde tamén haberá un espectáculo de animación infantil.

Entre as doce carrozas estarán representadas unha gran variedade de comitivas –unha por cada parroquia cunha temática específica-, de mouros e mouras, de Artabán, personaxes de conto, apalpadores, paxes reais, etc., e unha propia de elementos de Nadal representada pola Asociación de minorías étnicas, integrada por unhas vinte e cinco persoas. Os veciños e veciñas das diferentes parroquias do rural e barrios da zona urbana implicáronse nas últimas semanas na decoración das carrozas do Val, A Gándara, Pedroso, O Alto, O Couto, Xuvia, Piñeiros, Freixeiro, San Xiao, Doso, Sedes e Castro, donde se recolleron diferentes alimentos que se doarán ao Centro de Recursos Solidarios de Narón (conservas, produtos de hixiene, azucre, leite enteiro, etc.). Estes produtos trasladaranse nun vehículo cedido pola Concellería de Servizos de Narón para o evento e que conducirá persoal do Speis de Narón.

No seu percorrido as carrozas irán acompañadas de grupos musicais e tamén de veciñanza ataviada con vestimentas relacionadas coa temática de cada unha, entre as que están: “O Apalpador”; “A Pena Molexa”, “A comitiva do Rei Artabán”, “A familia e a corresponsabilidade”, entre outras.

A Cabalgata Solidaria pechará mañá os actos de Nadal no Concello de Narón, dos que se poderá tamén gozar esta tarde na Praza de Galicia, coa derradeira sesión deste ano dos “Pobos navideños” –enmarcados no “Nadal Máxico”- que se ubicaron en diferentes espazos da cidade nos últimos días. Hoxe será o turno do espectáculo de títeres “As tres raíñas magas”, obradoiros, e outras actividades entre as 16.00 e as 20.00 horas. Os nenos e nenas poderán degustar ademais de balde pombas de millo e algodón de azucre que se prepararán na citada ubicación.

4 de xaneiro de 2017 | 18:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.