publicidade hoxe

Aprobada a moción plenaria para a reforma da Avenida do Rebullón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

O Pleno da Corporación Municipal do Concello de Mos, por unanimidade dos seus membros, aprobou esta mañá en sesión ordinaria do mes de xaneiro a moción que presentou o grupo municipal GañaMos asemblea veciñal para a sinalización urxente e reforma da Avenida do Rebullón.

Nela ínstase á Deputación a que realice de forma inmediata a sinalización de pasos de peóns nos cruces con outras vías e accesos colindantes e un proxecto a curto prazo que resolva as graves deficiencias desta rúa e permita a accesibilidade con seguridade a todos os viandantes, incluíndo ós de mobilidade reducida.

Exponse no argumentario da devandita moción que a Avenida do Rebullón, que esta comunica a rotonda de Puxeiros co Centro de Saúde de Mos, e está transitada por numerosos viandantes que acoden ao Centro de Saúde e ao Centro Culural As Pedriñas; e que as beirarrúas desta vía non están sinalizadas por pasos de peóns nas interseccións coas outras rúas (acceso Autovía, Eido de San Antonio, acceso ao Polígono, entradas a fincas, etc…), o que produce un grande risco de atropelo.

Existen numerosos desniveis nas beirarrúas o que para as persoas en xeral, pero especialmente para as que ten mobilidade reducida, engade unha enorme dificultade de transitar. No traxecto da ponte que cruza a autovía as beirarrúas son moi estreitas e ten unha varanda cun reborde cortante cara o transeúnte.

O texto da moción expresa literalmente que “resulta difícil de entender que se manteña no actual estado esta vía dependente da Deputación cando esa Institución, ten no seu Decálogo de obras no primeiro punto: ‘Priorizaranse as necesidades dos sectores máis vulnerables’; e este estado da vía está a provocar que numerosos/as veciños/as presenten queixas continuas por esta inseguridade manifesta e mesmo estase a crear alarma social”.

30 de xaneiro de 2017 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.