publicidade hoxe

Ángeles Vázquez destaca o esforzo do sector lácteo e a súa aposta pola unión para ser máis competitivo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoRibadeo
A-
A+

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou esta mañá o importante esforzo realizado polo sector lácteo galego nos últimos tempos e a súa decidida aposta pola unión para ser un eido reforzado e competitivo. Así o subliñou durante a súa visita ás instalacións que ten a nova Cooperativas Lácteas Unidas (Clun) no concello lugués de Ribadeo.

Acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, a conselleira puxo esta nova cooperativa de segundo grao -que botou a andar a principios de mes- como exemplo de futuro, ao apostar polo asociacionismo e a diversificación de actividades. Unha unión, engadiu, que cada vez cobra máis forza en Galicia posto que, a día de hoxe, o 24,2% dos gandeiros galegos xa están unidos a través de distintas fórmulas (Sociedades Civís, Sociedades Agrarias de Transformación, Sociedades Limitadas, Sociedades Anónimas, comunidades de bens ou cooperativas) e reúnen o 55,2% da produción.

Uns datos que a conselleira valorou positivamente porque demostran que a unión fai a forza e que se o sector lácteo galego é capaz de ver os beneficios destas asociacións será quen de ter un gran futuro. Neste senso, Ángeles Vázquez reiterou tamén a necesidade de redimensionar as explotacións, co obxectivo de modernizalas e facelas máis rendibles.

Precisamente, para axudar a conseguir este cambios nun dos sectores máis estratéxicos para Galicia, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez destina para este ano un total de 40 millóns de euros para as axudas en plans de mellora, co fin de dotar ás granxas de infraestruturas e maquinaria moderna para ser máis sustentables. Así mesmo, tamén se destinan 20 millóns de euros para a incorporación de mozos á actividade agraria e outros 5 para pequenas explotacións, todo a prol dun sector que si ten futuro, destacou a conselleira.

A titular de Medio Rural insistiu en que este foi o ano en que se produciron máis incorporacións de mozos nas explotacións -un total de 618-, das cales o 43% se produciron na provincia de Lugo (268 expedientes). Así mesmo, en canto a plans de mellora, foron un total de 582 os beneficiarios, dos cales o 48% son da provincia de Lugo. Uns datos históricos, posto que en ambas liñas de axudas, a achega media por beneficiario duplicaba a contía media destes últimos anos. Ángeles Vázquez deixou claro que o sector agrogandeiro segue interesando, sobre todos aos máis mozos, e por iso hai que impulsar este tipo de medidas para facilitarlle ao traballo aos novos que veñen e aos que, ano tras ano, seguen confiando neste medio de vida.

11 de xaneiro de 2017 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.