publicidade hoxe

Adxudícanse 16.250 metros cadrados de solo nos parques empresariais de Negreira, Ponte Caldelas, e Mos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMosNegreiraPonte Caldelas
A-
A+

A Xunta, a través de Xestur, adxudicou hoxe 16.250,75 metros cadrados de solo industrial nos parques empresariais de Negreira, A Reigosa (Ponte Caldelas) e A Veigadaña (Mos) baixo a modalidade de dereito de superficie, que permite aos adxudicatarios acceder ao solo empresarial por un período de 30 anos prorrogable co pago dun pequeno canon mensual.

No parque empresarial da Veigadaña, en Mos, adxudicáronse dúas parcelas a unha empresa de tratamento de residuos non perigosos. En total, as dúas parcelas suman 6 323 metros cadrados. O prezo de venda sería en total de preto de un millón de euros, pero a empresa adxudicataria pagará pouco máis de 14 500 euros anuais durante os dous primeiros anos (1,5% do prezo da parcela), podendo solicitar o primeiro de carencia e pagar a cota que corresponde ao mesmo durante os cinco seguintes anos. A cota anual pasa a ser de pouco máis de 24.100 euros no terceiro e cuarto ano (2,5% do prezo da parcela) e de algo máis de 33.800 euros a partir do quinto ano (3,5 % do prezo).

No parque empresarial da Reigosa, en Ponte Caldelas, adxudicouse en dereito de superficie unha parcela de 8.357 metros cadrados a unha empresa relacionada co sector da pesca e a conserva que prevé crear 42 postos de traballo entre directos e indirectos. O prezo de venda da parcela é de preto de 740 000 euros e o canon anual a pagar será de 8 357 euros (1º-2º anos), 11 909 euros (3º-4º anos) e 27 789 euros (5º ano e seguintes).

O investimento previsto pola empresa para a súa instalación na Reigosa é de 3,3 millóns de euros entre 2017 e 2022. Nese período o importe a pagar polo solo empresarial roldará os 100 000 euros, o que supón menos do 3 por cento do investimento total.

No parque empresarial de Negreira adxudicouse no mesmo réxime unha parcela de 1 570 metros cadrados a unha empresa que xa adquiriu outra parcela no mesmo parque e na que está edificando as súas instalacións. O prezo de venda desta parcela é de máis de 108 000 euros, e o canon anual de 1 624 euros (1º-2º anos), 2 708,25 euros (3º-4º anos) e 3 791 euros (5º e seguintes anos).

Por outra parte, o Consello de administración de Xestur declarou como singular o proxecto dunha empresa interesada en asentarse no parque empresarial das Gándaras (Lugo), que ocupará 25 000 metros cadrados.

Facilidades no acceso ao solo industrial

A adxudicación de solo en dereito de superficie permite ás empresas acceder a solo adaptado para as súas necesidades pagando un reducido canon anual, o que facilita que concentren os seu esforzo financeiro inicial na construción e equipamento das instalacións, sen que iso signifique renunciar á propiedade da parcela, xa que poden adquirila en calquera momento durante os dez primeiros anos da adxudicación, descontando ademais do prezo o 40 por cento do achegado en concepto de canon anual.

O dereito de superficie é unha modalidade nova de adxudicación que ofrece a Xunta a través do IGVS e Xestur, complementaria do acceso ao solo empresarial a través da adquisición do mesmo. As adxudicacións realizadas no consello de administración de Xestur celebrado hoxe acreditan que esta oferta comeza a cobrar atractivo para as empresas galegas, xa que con anterioridade xa se adxudicaron parcelas en dereito de superficie nos parques empresariais de Mos e Ortigueira.

A Xunta leva adxudicado máis de 728 000 metros cadrados de solo empresarial dende que en 2015 puxo en marcha o programa de bonificacións de solo empresarial, que poden acadar o 50 por cento do prezo de venda das parcelas. O solo adxudicado entre 2015 e 2016 supera en preto do 20 por cento o vendido conxuntamente nos anos 2007 e 2008 en que se adxudicaron 607 000 metros cadrados en total.

23 de xaneiro de 2017 | 16:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.