publicidade hoxe

Ábrese o prazo de inscrición nas primeiras iniciativas do ano para maiores, mocidade e poboación xeral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

Esta mañá celebrouse no Concello de Mos a Comisión Informativa de Participación Cidadá, Educación e Mobilidade durante a que a concelleira delegada de ditas competencias deu conta das primeiras iniciativas do presente ano 2017 organizadas para poboación xeral, mocidade e maiores. Para todas elas o prazo de inscrición ábrese mañá, martes 24 de xaneiro, incluíndo os cursos de maquillaxe de Entroido e intensivo de inglés no Programa de Xuventude, e a excursión Día de Relax e a Escola de Avós dentro do Programa de Maiores; agás os cursos de Tempo de Lecer, incluídos no Programa de Poboación Xeral, cuxo prazo de inscrición comeza o mércores 25 de xaneiro.

O Programa de Maiores, ademais de incluír a excursión Día de Relax na que os participantes visitarán Monforte e poderán disfrutar do Balneario Augas Santas en Lugo, inclúe tamén a xa mencionada Escola de Avós, que ofrecerá dous cursos ou accións formativas: un de perfeccionamento do uso de smartphones (Coñece o teu Móbil II) e outro de alfabetización.

Por outra banda, os cursos de Tempo de Lecer que oferta o Programa para Poboación Xeral presentan unha importante novidade respecto de anos anteriores: increméntanse en 10 horas as clases por usuario, de xeito que se antes podían recibir ata un máximo de 30 horas, agora poderán recibir ata 40 horas de clase; ben dun mesmo curso, ou ben de dous cursos de 20 horas de duración cada un.

Cifras de participación do ano pasado

A concellería de Participación mosense é unha das que ten un trato máis próximo e frecuente coa veciñanza e das que move a máis xente ao longo do ano. Facendo balance do pasado 2016 comprobouse que nas actividades de Participación Cidadá como son Tempo de Lecer, Exercítate (natación e ximnasia para maiores), exursións para maiores, mocidade e para poboación xeral, cursos e campamentos, participaron un total de 1.102 persoas.

Mentres que no programa Ocio en Familia que organiza espectáculos infantís para nenos/as e as súas familias unha vez ó mes participaron en total sobre 4.000 persoas, a unha media de 300 asistentes por acto.

O ano pasado participaron en Tempo de Lecer 250 persoas, no Programa ‘Exercítate’ para maiores (natación e ximnasia de mantemento) 101 persoas, nas excursións para maiores un total 178 participantes, nas excursións para poboacion xeral un total 216 persoas, nas excursións para xuventude 66 persoas, en cursos varios 92 persoas, no curso infantil de surf 38 nenos/as, no campamento infantil estival Mañás de Verán 121 nenos/as, na actividade Surf no Nadal 30 rapaces/as e nos Campamentos de Nadal 10 nenos/as; sumando o total de 1.102 participantes no 2016, anteriormente mencionado.

Deste xeito, o departamento municipal de Participación Cidadá do Concello de Mos é un dos que máis xente usuaria move, como se pode comprobar, e ademais alberga a Oficina Municipal de Información Xuvenil, OMIX, que xenera un elevado número de visitas mensuais. 

23 de xaneiro de 2017 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.