publicidade hoxe

A Xunta pon en valor o servizo Eures Galicia-Norte de Portugal para acadar un mercado de emprego máis accesible

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, clausurou hoxe en Tui a xuntanza do Consello Sindical Interrexional Galicia-Norte de Portugal no que se renovou a presidencia, onde puxo en valor o Servizo Eures Transfronteirizo, do que a Xunta é socio, como “peza clave” para acadar un mercado de emprego máis accesible.

Marnotes explicou que este servizo, entre outras vantaxes, favorece o intercambio de ofertas e demandas de emprego entre os traballadores da rexión transfronteiriza e salientou a importancia de incrementar a cooperación e labor que xa se está realizar entre as oficinas de emprego da Eurorrexión para aumentar as oportunidades laborais das persoas sen emprego. Sinalou que, entre as actuacións que desenvolve o Servizo Eures, resaltan o intercambio de información sobre o mercado laboral de cada zona como é sobre prácticas profesionais e de aprendizaxe ou sobre as condicións de vida e de traballo e as oportunidades para a adquisición de competencias.

O responsable de Orientación resaltou que a Xunta, a través da Axenda 20 para o Emprego, traballa na modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) para que sexa máis próximo as persoas usuarias, sexan demandantes de emprego, ou sexan empresas que buscan un traballador, e na elaboración dun plan de actuación para que os 485 orientadores laborais que hai en Galicia funcionen en rede, cun mesmo “modelo de servizo”. Para levar a cabo estas actuacións, investirá un total de 21,9M€ .

Neste último ámbito, sinalou a importancia de desenvolver un novo modelo de orientación laboral aberta para personalizar e reforzar estes servizos apostando por un sistema de xestión de calidade e mellora continua e coa creación dun novo portal, máis orientado aos servizos.

En definitiva, do que se trata, segundo sinalou Marnotes, é “de seguir traballando para incrementar as oportunidades laborais dos galegos e galegas e avanzar nos obxectivos que compartimos entre Galicia e o Norte de Portugal”. “A meta do Goberno galego é mellorar o funcionamento do mercado laboral transfronteirizo para ofrecer novas e mellores oportunidades aos nosos traballadores”.

13 de xaneiro de 2017 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.