publicidade hoxe

A Xunta organiza en Pontevedra unha xornada informativa para asesorar aos afectados polas cláusulas chan

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A campaña informativa posta en marcha pola Xunta, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, para informar aos consumidores sobre a última sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea relativa ás cláusulas chan e o procedemento extraxudicial activado polo Goberno central chegará mañá, xoves 25 de xaneiro, a Pontevedra.

A delegación territorial da Xunta na cidade (situada na rúa Fernández Ladreda, 43) acollerá a partir das 19 horas esta xornada na que a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, explicará os pasos que deben seguir os afectados para facer efectiva a súa reclamación ante as entidades financeiras.

A campaña informativa, que está a percorrer as principais cidades galegas, ten como principal obxectivo prestar información e asesoramento gratuíto ás persoas que se viron afectadas por cláusulas chan abusivas nos seus créditos hipotecarios. A través destas charlas, a Xunta indica a usuarios e consumidores que teñen a súa disposición todos os medios cos que conta a Administración autonómica para que poidan reclamar ante as entidades bancarias a devolución do diñeiro cobrado indebidamente a través das cláusulas chan, e informa sobre o procedemento extraxudicial aprobado polo Goberno central.

Para facilitar o acceso a toda a información que precisan, tamén está publicado na web de Consumo (https://consumo.xunta.gal/) as instrucións sobre cómo proceder para reclamar ante as entidades financeiras, así como un modelo de formulario para realizar a reclamación e a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea ao respecto, así como o Real Decreto-lei 1/2017, do 20 de xaneiro, de medidas urxentes de protección de consumidores en materia de cláusulas chan.

Ademais, os cidadáns poden recibir información e asesoramento nas oficinas do Instituto Galego de Consumo, a través do teléfono gratuíto 900 231 123, así como nas oficinas municipais de información ao consumidor (OMIC) e nas asociacións de consumidores e usuarios de Galicia.

25 de xaneiro de 2017 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.