publicidade hoxe

A Xunta mellora os servizos de emerxencias na provincia de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLobios
A-
A+
Luis Menor na visita ao GES  no concello de Lobios

Luis Menor na visita ao GES no concello de Lobios

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, visitou hoxe o concello de Lobios e foi recibido pola alcaldesa, María del Carmen Yañez Salgado, e outras autoridades do concello, para coñecer de primeira man a agrupación de voluntarios de protección civil (AVPC) e o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), así como as súas inquedanzas nesta materia. Tamén puido percorrer as novas instalacións do GES, que dispoñen dunha sala común, un despacho, tres dormitorios, dous vestiarios e dous almacéns e que contaron cun investimento de 40.000 euros.

A AVPC de Lobios foi rexistrada no ano 1996 e dende entón segue ininterrompidamente o seu labor na prevención e intervención, no seu caso, das emerxencias, tanto no seu termo municipal como axudando aos concellos limítrofes. No ano 2013 inicia a súa andaina o Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) que vén a reforzar as actividades desenvolvidas pola AVPC incrementando a dedicación ao tratarse dun grupo de carácter profesional con contratación laboral. Ambas entidades comparten base, medios e recursos.

As actuacións máis destacadas atendidas no último ano foron accidentes de tráfico, incendios forestais, avisos por vespa velutina e busca de persoas.

Cómpre destacar que a Xunta fixo no anterior ano un esforzo importante no aporte de medios de emerxencias aos concellos para a súa utilización polas AVPC e/ou servizos de emerxencia municipal, creando unhas liñas de subvencións para a adquisición de vehículos pick up, furgóns de loxística, remolques de emerxencia, embarcacións pneumáticas, remolques con carpas para as emerxencias e esparexadores de sal e equipos de excarceración.

Na provincia de Ourense no 2015 e 2016 distribuíronse equipamento por valor de preto de 2,5 millóns de euros. En concreto, o Concello de Lobios recibiu nos dous últimos anos un remolque de emerxencias, un equipo de excarcelación, cinco equipos de respiración autónoma, un todo terreo pick up, un xogo de puntais de estabilización, dúas lanzas de auga, 14 mangueiras de auga, varios traxes para actuar contra a vespa velutina, un remolque de salvamento e unha pértega por valor total de máis de 125.000 euros.

O labor do persoal voluntario

Desde o Goberno galego apóiase o labor do voluntariado de protección civil, en temas como a formación, axudas económicas para o funcionamento das AVPC e equipamento cedidos aos concellos para a súa utilización polas AVPC. Por elo no 2015 iniciouse unha campaña de motivación do voluntariado que ten coma obxectivos principais pór en valor o labor altruísta e solidario de todo o persoal voluntario protección civil que na actualidade forma parte das diferentes AVPC que cobren o territorio galego, ademais de potenciar este voluntariado en aqueles concellos que non dispoñen na actualidade de AVPC e estarían interesados en formala; tamén reforzar, incrementando o número de voluntarios aquelas AVPC que así o desexen, e reafirmar aquelas AVPC que xa veñen funcionando ben.

Actualmente, a nosa comunidade conta con 220 Asociacións de Voluntarios de Protección Civil, das que 73 están na provincia da Coruña, 37 en Lugo, 65 en Ourense e 45 en Pontevedra, que suman, en total, 4.527 voluntarios en toda Galicia.

27 de xaneiro de 2017 | 17:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.