publicidade hoxe

A Xunta investiu máis de 72.000 euros no concello de Rois a través do Plan Marco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRois
A-
A+

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o Concello de Rois, onde foi recibido polo alcalde, Ramón Tojo Lens. Tras manter un encontro na Casa Consistorial, ambos os dous desprazáronse a comprobar algunha das actuacións levadas a cabo pola Consellería do Medio Rural dentro do Plan Marco de mellora de camiños municipais e acceso a explotacións agrarias.

O devandito Plan supuxo unha inversión en Rois de 72.506 euros máis IVE, segundo o proxecto presentado para o arranxo desde a AC-301 a Silvarredonda (Buxán)-Rois. As obras realizadas consistiron, fundamentalmente, na mellora da capa de rodaxe, aproveitando na súa totalidade a pista existente, de 1.270 metros de lonxitude. Así, a estrada quedou configurada por un primeiro tramo de 250 metros de lonxitude cun ancho de cinco e outro de 1.020 metros de longo con 4,50 de ancho.

En primeiro lugar, procedeuse á limpeza e escavación das cunetas da pista. A continuación estendeuse unha capa de mestura bituminosa en quente. Tamén se colocaron 20 metros de tubaria divididos en catro tramos en diversos emprazamentos da pista. Por último, pintáronse as bandas laterais da pista delimitando o ancho da mesma e colocáronse seis sinais de stop nos abanicos existentes.

O Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a explotacións agrarias deixa na provincia máis de 6,2 millóns de euros e inxectou á Administración local unha axuda, cofinanciada nun 75% con Feader no marco do PDR de Galicia 2014-2020, para a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños de titularidade municipal que faciliten o acceso, cando menos, a unha parcela integrante dunha explotación agraria.

Ovidio Rodeiro sinalou que o obxectivo deste plan “é mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais”. “O camiño para acadar este obxectivo pasa por mellorar as dotacións existentes en infraestruturas básicas, ao tempo que desenrolamos actuacións dirixidas á mellora dos servizos básicos para a poboación rural”, engadiu o delegado territorial.

A finalidade destas achegas é mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais. Para acadar este obxectivo é preciso mellorar as dotacións existentes de infraestruturas básicas e “levar a cabo actuacións dirixidas a fomentar a implantación e a mellora dos servizos básicos demandados pola poboación rural”. Os criterios para o reparto foron acordados entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

No transcurso da visita o delegado e o alcalde tiveron oportunidade de repasar outras actuacións levadas a cabo pola Xunta no concello de Rois e falaron de proxectos previstos para o futuro

30 de xaneiro de 2017 | 18:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.