publicidade hoxe

A Xunta investiu en Miño máis de 45.000 euros co Plan Marco de mellora de camiños

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMiño
A-
A+
Ovidio Rodeiro na visita aos traballos realizados en Miño

Ovidio Rodeiro na visita aos traballos realizados en Miño

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o Concello de Miño, acompañado polo alcalde, Ricardo Sánchez Oroza. Tras manter un encontro na Casa Consistorial, ambos os dous desprazáronse a comprobar algunha das actuacións levadas a cabo pola Consellería do Medio Rural dentro do Plan Marco de mellora de camiños municipais e acceso a explotacións agrarias.

O devandito Plan supuxo unha inversión en Miño de 45.769,21 euros máis IVE. O Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a explotacións agrarias deixa na provincia máis de 6,2 millóns de euros e inxectou á Administración local unha axuda, cofinanciada nun 75% con Feader no marco do PDR de Galicia 2014-2020, para a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños de titularidade municipal que faciliten o acceso, cando menos, a unha parcela integrante dunha explotación agraria.

Ovidio Rodeiro sinalou que o obxectivo deste plan “é mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais”. “Na Xunta entendemos que o camiño para facelo pasa por mellorar as dotacións existentes en infraestruturas básicas, ao tempo que desenrolamos actuacións dirixidas á mellora dos servizos básicos para a poboación rural”, engadiu.

A finalidade destas achegas é mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais. Para acadar este obxectivo é preciso “mellorar as dotacións existentes” de infraestruturas básicas e levar a cabo actuacións dirixidas a fomentar a implantación e a mellora dos servizos básicos demandados pola poboación rural. Os criterios para o reparto foron consensuados entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

No transcurso da visita o delegado e o alcalde tiveron oportunidade de repasar outras actuacións levadas a cabo pola Xunta no concello de Miño e falaron de proxectos previstos para o futuro.

4 de xaneiro de 2017 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.