publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta investiu 135.000 euros en obras de acondicionamento no CEIP O Ramo, en Fene

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+
Ovidio Rodeiro na visita ao CEIP O Ramo

Ovidio Rodeiro na visita ao CEIP O Ramo

O delegado territorial de Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o CEIP plurilingüe O Ramo, acompañado polo alcalde da localidade, Juventino Trigo, e varios membros da corporación. Todos eles comprobaron as últimas actuacións levadas a cabo no centro educativo pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e que dan resposta a reivindicacións históricas dos veciños e da comunidade educativa.

A Xunta investiu, no ano 2016, neste colexio un total de 134.957,58 euros. En concreto, os traballos financiados pola Xunta de Galicia consistiron en unha renovación integral das instalacións eléctricas do edificio conforme a OCA regulamentaria por un importe total de 25.531,08 euros, a instalación dun ascensor por 46.417,16 euros, e a reforma completa da cuberta con colocación de panel tipo sándwich, cun custe final de 63.409,34 euros. As inversións de mellora en dotacións educativas incluíron tamén a instalación de plano aspirante no IES de Fene por un importe de 14.902,36 euros.

En total, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinou neste ano 5.246.000 euros a obras de mantemento mellora dos centros de Educación Infantil, Primaria e Secundaria da provincia da Coruña. En concreto, o orzamento para os colexios de Infantil e Primaria ascende a 3.886.000 euros, mentres que en centros de Secundaria a consellería inviste 1.360.000 euros. A día de hoxe, o 98 por cento destes traballos están xa rematados ou en fase de execución.

Ovidio Rodeiro aproveitou a ocasión para saudar aos membros da comunidade educativa. O delegado territorial agradeceu a mestres e persoal laboral “o compromiso coa vocación de formar aos galegos do futuro”. “Sen dúbida, engadiu, tendes unha inmensa responsabilidade, dura pero moi gratificante”. O delegado aproveitou a visita para tratar outros asuntos que afectan ao concello.

31 de xaneiro de 2017 | 16:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.